A Sala NÚMAX acolle hoxe a estrea comercial do filme 'San Simón', opera prima de Miguel Ángel Delgado sobre o campo de concentración franquista da Ría de Vigo. Tras dunha preestrea onte nos Cines Tamberlick de Vigo e presentarse no Festival de San Sebastián e gañar o premio a mellor película galega no Festival de Ourense, chega a salas este filme sobre un episodio histórico real na nosa terra. Este pase inicial dará inicio ás 19:00h e nel contarase con presentación e coloquio a cargo do seu director. A partir deste venres, o filme poderá verse nos Cines Cantones (A Coruña), Central (A Estrada), Teatro Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras), Avenida (Caldas), Xunqueira (Cee), Duplex (Ferrol), Codex, Cristal e Yelmo (Lugo), Círculo de Bellas Artes (Madrid), Hollywood (Monforte), Odeón (Narón), Seixo (Marín), Ponte Vella (Ourense), Cinexpo (Pontevedra), Numax (Santiago de Compostela), Valladolid (Broadway), Multicines Norte, Tamberlick e Yelmo (Vigo) e Multicines Gran Arousa (Vilagarcía de Arousa).
Miguel Ángel Delgado debuta na longametraxe recuperando a memoria dos encarcerados na illa galega, nun filme que combina os actores profesionais coa participación de fillos e netos reais dos presos de San Simón. 'San Simón' narra a historia deste campo de concentración que se fundou na pequena illa galega desde os primeiros días da sublevación militar. Case seis mil persoas de toda España pasaron por ela durante os sete anos que estivo en funcionamento. A historia sitúase en outubro de 1936. O réxime de Franco crea máis de trescentos campos de concentración por toda España: conventos, fábricas, escolas, prazas de touros, mosteiros e outros espazos «pechados». San Simón destaca pola súa insularidade. O réxime converte o antigo lazareto nun lugar de morte onde os prisioneiros sofren a represión rodeados dunha beleza abafadora. Sete anos despois, Lamas, un preso da illa, lembra a historia dos homes e as mulleres que, como el mesmo, sufriron a represión neste pequeno enclave da costa galega.