Coimbra acolle 10 días de cultura galega

A ‘Mostra Galiza Coimbra 2025’ ofrece espectáculos escénicos, musicais e outras actividades na cidade lusa

A ‘Mostra Galiza Coimbra 2025’ ofrece espectáculos escénicos, musicais e outras actividades na cidade lusa
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interveu no acto de inauguración.
A ‘Mostra Galiza Coimbra 2025’, inaugurada onte na cidade lusa, reúne durante os vindeiros 10 días unha selección de espectáculos escénicos de produción galega e moitas outras actividades musicais, artísticas e formativas co obxectivo de continuar a reforzar o intercambio creativo e os vínculos culturais con Portugal. Ao acto institucional de apertura da Mostra acudiron o director da Axencia galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañado polo director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, e tamén houbo representación do Goberno portugués e da Cámara Municipal de Coímbra. Para abrir o programa tivo lugar no Teatro da Cerca de São Bernardo, a función de 'Heller Keller, a muller marabilla?', do Grupo Chévere, a primeira cita de teatro galego das seis que acollerán distintos escenarios de Coímbra ata o vindeiro 1 de novembro.

No relativo ao teatro, hoxe, 23 de outubro, actuará a compañía A Panadaría coa multipremiada 'As que limpan', o día 25 chegarán Elefante Elegante coa súa proposta de teatro físico Kyoki e Paula Carballeira coa narración 'Caminhos de Terra'. O 30 de outubro o Centro Dramático Galego representará o espectáculo de circo contemporáneo que ata esta fin de semana mantén en cartel no Salón Teatro de Santiago de Compostela: 'A serie clopen', nun pase que terá lugar no Teatro Académico Gil Vicente. A carteleira escénica galega en Coímbra pecharase o 1 de novembro coa montaxe para público familiar 'A nena que vivía nunha caixa de mistos', a cargo da compañía coruñesa Caramuxo Teatro. No programa musical, figura a proposta Café Duplo que xuntará o músico galego Santi Araújo co portugués Samuel Louro, así como o concerto de clausura da Mostra Galiza Coimbra, no que a cantante galega Uxía compartirá escenario no Convento de São Francisco cos brasileiros Antonio Nóbrega e Ceumar e os portugueses Luis Pedro Madeira, Manuel Rocha e Quiné Teles.

Entre o resto de actividades previstas, destaca no apartado de artes visuais a exposición titulada 'Isaac Díaz Pardo: deseño, memoria e compromiso', realizada en colaboración coa Universidade de Vigo e coa profesora Silvia García como comisaria, na que se divulgará a figura e a traxectoria do insigne intelectual galeguista nas súas múltiples facetas como pintor, ceramista, deseñador gráfico e editor. Outras citas importantes son a denominada Feira do Libro Teatral Galego, organizada xunto con Edicións Positivas, así como a sesión poética 'Arrincando Marcos 2025', a cargo de Paula Carballeira, Samuel L. París e Tamara Andrés; o taller 'Contar Historias no Século XXI', tamén con Paula Carballeira, a master class 'A traxectoria artística do Grupo Chévere', a cargo de Xesús Ron, a aula aberta 'Entre palcos na Galiza', que conducirá Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía da Coruña, ou un encontro arredor dos proxectos 'O proceso / Apaga o candil', de Cándido Pazó, con presenza dos autores, do escritor Xesús Alonso Montero e do actor Avelino González.