A coprodución luso-galega 'O grande incendio' estréase en Ourense

Ánxeles Cuña dirixe esta montaxe das compañías Sarabela e Escola da Noite

Ánxeles Cuña dirixe esta montaxe das compañías Sarabela e Escola da Noite
Sarabela Teatro estrea en Ourense a montaxe 'O Grande Incêndio', creada en coprodución coa compañía lusa Escola da Noite, que ven de estar tres semanas en cartel no Teatro da Cerca de São Bernardo, em Coimbra. O espectáculo sobre texto de Roland Schimmelpfennig, con dirección de Ánxeles Cuña Bóveda e un elenco conformado por Ricardo Kalash, Igor Lebreaud, Miguel Magalhaes, María Quintelas e Ana Teresa Santos. A obra estará no Teatro principald e Ourense os días 18 e 19 de xuño, ás 21:00 horas.

'O grande incendio' é unha fábula sobre dúas vilas situadas no val xunto a un regato e separadas por unha ponte. Por un lado do regato medran as vides e polo outro pacen bois, vacas, cabalos e ovellas. De súpeto suceden diferentes acontecementos naturais que afectan só a un deses pobos, mentres que o outro entra nun período de prosperidade económica. Mestúrase o real coa fantasía. Apálpase a desigualdade entre ricos e pobres. Os feitos sorprendentes comezan coa morte inexplicable dun merlo. Unha terrible seca á que segue unha enchente acaba transformando o regato en río e destrúe boa parte dunha destas vilas. Entre as desgrazas tamén se inclúe unha estraña febre contaxiosa que azouta esta mesma vila e que se cobra numerosas vítimas mortais. Xorden diferentes reaccións e inquietudes diante das catástrofes medioambientais. A distancia física e emocional segue crecendo ao longo da obra, sendo a historia dunha parella de namorados o maior contrapeso a esta separación e á perda de lazos comunitarios. Cando se produce un enorme incendio na vila afectada e destrúe todo, os superviventes suben a un barco e tentan chegar ao outro lado, pero agora o regato xa é ancho coma un océano.