Créase o Premio de Novela Histórica Dona Urraca

O galardón terá en conta a visibilidade da muller na Historia e a ambientación na provincia de Pontevedra

O galardón terá en conta a visibilidade da muller na Historia e a ambientación na provincia de Pontevedra
Carmela Silva na presentación do premio Foto: Depo.gal
A Deputación Provincial de Pontevedra, en colaboración coa Editorial Guiverny ven de presentar a que será a primeira edición do Premio de Novela Histórica Dona Urraca, único certame actualmente deste xénero literario en Galicia. Segundo a presentación levada a cabo pola presidenta da institución Carmela Silva, acompañada por Belén Fortes, directora da editorial, este é un galardón que aposta pola igualdade, co cal para a súa concesión serán puntos a valorar polos xurados a visibilización das mulleres na historia, como protagonistas, e a ambientación de toda ou parte da trama na provincia de Pontevedra, ademais da calidade da obra, que poderá estar escrita en galego ou castelán. O premio está dotado con 6.000 euros e a publicación da obra.

No acto tamén se desvelou a composición do xurado do I Premio de Novela Histórica Dona Urraca, no que estarán a escritora Teresa Moure como presidenta, o escritor Xosé Ramón Pena en calidade de secretario, e as escritoras Belén Fortes, Inma López Silva e Arantza Portabales maila traballadora do servizo de Cultura da Deputación Begoña Fernández, como vogais. O seu fallo farase público no segundo semestre de 2023, será inapelable e o premio poderá quedar deserto ou ser concedido ex aequo. As persoas interesadas en participar, maiores de idade, teñen ata o 1 de xullo para presentar os seus textos, que deberán ser inéditos e non premiados. Os escritos deberán ter un mínimo de 20.000 palabras e serán de temática libre sempre que se enmarquen na novela histórica (recreación dun período histórico do pasado) ou teñan ambientación histórica (personaxes ou eventos ficticios ambientados no pasado).