Urco Editora pon na rede 14 obras de Jack London e Robert E. Howard

A iniciativa enmárcase no Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo

O web da Secretaría Xeral de Política Lingüística ten dispoñible na rede de balde a versión en formato epub de catorce obras de Jack London e Robert E. Howard. Urco Editora abordou as traducións ao galego destes libros como parte do "proxecto de dixitalización global dos clásicos da literatura fantástica" que iniciou en 2021 co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo.

O proxecto que agora se lanza inclúe "a reedición completa; a creación de materiais complementarios orientados á docencia, que están integrados en cada volume, e a conversión en formato ePub". Entre os títulos atópanse os cinco volumes da Biblioteca Conan ou Solomon Kane de Robert E. Howard, canda ao clásico A praga escarlata ou o O talón de ferro de London.

Esta colección súmase aos 14 volumes da Biblioteca Lovecraft Dixital que a editora xa publicara en 2021 na rede ao abeiro da anterior convocatoria desta liña de axudas, e que recollen a totalidade da obra narrativa de H.P. Lovecraft.