Alén das gravacións sonoras, outros materiais que o antropólogo danés Gustav Henningsen xerou nos seus anos de traballo en Galicia están a dar pé a diferentes iniciativas culturais. Deste xeito, as súas fotografías protagonizaron xa catro exposicións, tres publicacións e ata un espectáculo. Novas iniciativas pulan por dar a coñecer o seu traballo netamente etnográfico e reivindican a figura da súa parella, a tamén antropóloga Marisa Rey.
O Museo do Pobo Galego custodia na actualidade unha copia dixital das gravacións sonoras de Henningsen e mais outra dos negativos fotográficos que rexistrou en Galicia. Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo galego e responsable do Arquivo do Patrimonio Oral e da Identidade (APOI), foi responsable da incorporación dos fondos a este centro. Segundo explica, "unha das investigadoras que traballou cos seus rexistros sonoros no Instituto da Lingua Galega tamén traballara comigo e pensou que poderían ser interese para o Museo". Logo de verificar este interese, o Museo comezou un proceso de negociación para conseguir custodiar o material do antropólogo danés sobre Galicia. "Soubemos que Henningsen tiña un especial interese en que se fixese unha exposición das súas fotografías galegas. E pensamos en comezar por aí, como un xeito de que nos fose coñecendo e que co tempo o seu fondo puidese acabar no Museo".
A primeira exposición
Deste xeito, coa colaboración do antropólogo, o centro inauguraba na súa sede en Compostela Galicia máxica. Reportaxe dun mundo desaparecido en novembro de 2015. Aínda que centrada nas imaxes sobre rituais, a exposición recollía tamén testemuños gráficos sobre a paisaxe rural galega, os traballos e diferentes temas que o autor retratou entre 1965 e 1968. "Henningsen non coñecía o Museo do Pobo, e ao dicirlle que era unha institución privada e sen ánimo de lucro pensou que era algo cativo. Houbo que lle facer entender que tiña entidade abonda, dispoñibilidade e equipamento para que a súa exposición fose digna. Cando finalmente el e Marisa viñeron a Compostela para a inauguración quedaron encantados, e foi entón cando se acordou que unha copia do material sonoro viñese ao museo, onde se pode coñecer e escoitar", lembra Losada.
Doazón e máis mostras
A divulgación dos fondos fotográficos de Henningsen continuou na entidade cunha segunda exposición. Co título nesta ocasión de Galicia Máxica. Romarías e Santuarios o proxecto abría as súas portas en maio de 2019. "Publicáronse catálogos das dúas con diferentes colaboracións e artigos de contexto que conforman auténticas monografías sobre os temas tratados. Funcionaron moi ben e un deles xa está esgotado", explica Losada. A raíz desa segunda mostra, o museo comezou as conversas para formalizar a doazón do material co matrimonio Henningsen Rey, e finalmente o contrato correspondente asinouse con data do 17 de maio de 2021. En marzo de 2022, o legado de imaxes aproveitouse para unha nova exposición no marco da Mostra de Cinema Etnográfico que organiza o centro. Centrada desta volta no traballo feminino a través do obxectivo do antropólogo, Coreografías do facer. O traballo feminino nos fondos Henningsen está actualmente nunha xira en Mesía e Vilasantar no marco do proxecto A ollada de Gustav que botou a andar Aantena teatro. A completar a listaxe, este 17 de novembro abría as súas portas Co sentido do común, a cuarta exposición que a entidade lle dedica a este material. Desta volta trátase dunha selección de imaxes centrada nos traballos e actividades que se desenvolvían en grupo na sociedade tradicional. Xogos, arranxos de camiños, matanzas e enterros atópanse no proxecto, que se pode ver ata o vindeiro 30 de abril de 2023 en Compostela.
O fondo fotográfico
Segundo apunta David Conde, comisario desta mostra, "cando chegou o fondo e vimos o que contiña, xa nos pareceu moi interesante a todos os niveis". O legado está composto por 2.400 negativos, a maior parte en branco e negro, que "abranguen un lote de escenas da vida tradicional, tanto rural como urbana, con moitísimo material sobre as crenzas, o seu campo de estudo". Encol dese legado visual, salienta que "é moi importante, en grande medida porque non se trata dun fotógrafo profesional, senón dun antropólogo que achega unha visión diferente. Entón fai instantáneas de cousas nas que nós, polo costume do habitual, non reparariamos. Por iso determinadas tradicións, costumes e elementos do cotián que desapareceron están presentes nesas imaxes". A súa propia estancia en Galicia mudou a perspectiva do investigador, segundo lembra Conde. "Marisa Rei, a súa muller, comentaba que o tempo que pasou Gustav aquí foi para el un espertar antropolóxico cara á cotiandade. Aínda que veu estudar a bruxaría, atopou moitos paralelismos co seu país natal e tirou moito cara a un retrato do cotián nas súas fotografías".
Nas instantáneas que se redescubriron do autor, Conde apunta casos como "as imaxes dunha nena e do seu irmán cun colar de zonchos. Non sei doutras fotografías onde apareza reflectido este costume, que agora están a recuperar algunhas asociacións polo tempo de Defuntos. Foi unha sorpresa atopar esas imaxes". De xeito máis xeral, salienta o valor destes documentos. "Ves unha das súas imaxes trinta ou corenta veces e á número cincuenta decátaste de que había algo no que non repararas e que ten importancia. O centro das fotografías non coincide con centro físico do negativo, senón nun detalle que pode aparecer en calquera das esquinas, o demais é contexto. En xeral teñen moitísima forza visual, son todo un descubrimento".
O danés curioso
O legado fotográfico do antropólogo deu pé tamén en 2018 a unha publicación específica de aCentral Folque na colección Cámara Escura. O danés curioso en Ordes recolle noventa fotografías do autor acompañadas por textos de Estíbaliz Espinosa. Eutropio Rodríguez, responsable daquela edición salienta que o labor visual de Henningsen "ten varios aspectos moi interesantes. Algo que me gusta do seu traballo é que se centra nunha comunidade moi pequena. A fotografía documental moderna tamén utiliza ese método, conta unha ou varias historias pequenas para poder abordar algo global". Canda a isto, "tamén me gustou que non era fotógrafo, aínda que tiña moitas habilidades de fotografía. Ao ollar o seu traballo fun vendo como lidaba con problemas de principiante, aínda que logo esteticamente e tecnicamente non era tal. Outra cousa que apreciei é o seu carácter de ollada estranxeira que recolle un mundo no que eu me criei. E logo a peculiaridade de que está vivo e puiden falar con el para elaborar o libro".
A perspectiva antropolóxica do danés pódese ver tamén "na súa forma tan sistemática de traballar. Os fotógrafos polo xeral precisan algo máis de tempo para investigar e coñecer o tema que tratan, pero el era moi directo". Así, este investigador salienta tamén as imaxes de "escenografía do traballo de bruxería e dos labores comunais". Sobre a dimensión dese legado, Rodríguez salienta que "hai moitos rolos. Marisa dicía que cos cartos da bolsa que tiñan para vivir aquí mercaba material, e ás veces vía que no tiñan para lle dar de comer ao neno. E el dicíalle 'imos visitar tal casa e comemos alí, pero teño que mercar carrete ou cintas de audio'", o que amosa o compromiso co traballo do etnógrafo.
Retratos por historias
Para alén das fotografías cun carácter máis nitidamente etnográfico, os fondos do danés contan tamén cunha importante presenza de retratos. "Son retratos moi frontais que lle facía á xente", nun momento e nun contorno no que as cámaras non eran un obxecto común. "Despois achegáballos á casa e así establecía contacto. Por exemplo, nunha romaría coñeceu un señor que era bruxo e fíxolle un retrato impresionante que logo lle levou e aproveitou para o entrevistar". De xeito similar "ten fotos dunha voda que agasallou á familia. Cando chegou non lle deixaron entrar na igrexa e sacounas nun recuncho, hai unha de trinta persoas que logo lle contaron moitas historias. Tamén ten outra de xente nun hórreo coa que compón unha cruz. Ten unha sensibilidade tremenda". Así, para Rodríguez, este legado fotográfico "é moi importante polo seu valor antropolóxico pero o sublime é a súa compoñente estética, é algo que me fai saltar as bágoas. Penso que hoxe en día aínda nos centramos na compoñente etnográfica do traballo de Henningsen e doutros autores de fotografía vernacular, pero penso que en vinte anos abrollará a súa condición estética e terá a importancia que se merece, sen dúbida". Este material protagonizou tamén o primeiro festival de fotografía Cámara Escura, que se celebrou a comezos de outubro deste 2022, cun espectáculo no que a poeta Chus Pato recitaba sobre proxeccións de fotografías do autor nun diálogo entre artes.
O traballo etnográfico
Pendente de investigar e de divulgar, Concha Losada destaca do traballo etnográfico de Henningsen, que "aínda hoxe segue a ser un conversador excepcional, e como tal un entrevistador excelente. Ao escoitalo nas gravacións dá gusto como se relaciona coa persoa entrevistada e como vai aos poucos reconducindo as conversas, dándolles confianza. Á xente hai que chegar, non se pode preguntar directamente polas bruxas sen coñecer a vida na que se desenvolve a persoa entrevistada", explica. Canda a isto, o investigador danés "ten unha visión de fóra que me parece especialmente interesante. A diferenza de etnógrafos galegos, fixo entrevistas a xitanos, que ao mellor moitas veces foron considerados como foráneos polos nosos investigadores. Aí aparece unha mestura idiomática, un castrapo caló moi interesante que nos fala dun xeito de vida que seguramente segue a existir nesas comunidades". O interese deste traballo púxose de relevancia nun dos roteiros do ciclo Monumenta, que en 2018 percorreu os escenarios nos que Henningsen realizou as súas investigacións a se centrar nas súas recollidas sonoras.
Un legado non tan esquecido
Aínda que a actual explosión de propostas arredor do legado de Henningsen pode facer pensar que eses fondos estaban esquecidos ata a súa dixitalización no Instituto da Lingua Galega, a presidenta do Padroado do Museo do Pobo advirte que "había constancia de que existían. Hai que pensar que xa no momento en que veu estivo en contacto con outros etnógrafos e investigadores que traballaban en Galicia", como foi o caso de Carmelo Lisón Tolosana, con quen colaborou e quen lle axudou nos seus primeiros contactos coa cultura rural do país. Losada recoñece, no entanto, que o feito de que Henningsen mudase o tema da súa tese ao estudo dos procesos contra a bruxaría nos Pireneos, non axudou a que a súa pescuda galega fose coñecida. Logo de descubrir nun arquivo o libro de visitas do inquisidor Alonso de Salazar, con abondosa información inédita sobre aqueles sucesos, o investigador centrou a súa vida profesional neste tema, ata o punto de chegar a ser unha referencia mundial no estudo da Inquisición Española. "Só cando chegou o momento para el de voltar a España e compilar a súa historia profesional comezaron a ter relevancia esas partes previas e colaterais do seu traballo", lembra a reponsable do APOI.
A explosión
Malia a que en círculos especializados a visita de Henningsen puidese ser coñecida, David Conde recoñece que "o descubrimento de que un danés puidese ter amosado tal interese polo noso foi un bombazo" para o público xeral, como amosan o éxito das mostras que programou o centro. "Penso que moitas persoas que viñan do eido da etnografía e da antropoloxía, pero tamén da música e do espectáculo, decatáronse de que había aí un material moi interesante para traballar. Coas exposicións do museo comezou este boom arredor da súa figura". Encol deste interese, Concha Losada apunta que "posiblemente porque durante tempo foi bastante descoñecido haxa menos prexuízos de cara ao seu traballo do que cara a outros etnógrafos do seu tempo ou anteriores". Desde o Museo salienta que "este fondo parécenos extraordinariamente rico. Está a ser consultado con diferentes intereses por parte de profesionais e artistas de moi distintas áreas e revélase como unha riqueza moi grande para todo o mundo". A resumir a importancia do legado do danés, Xosé Leis, de Aantena Teatro, vencella o impacto que está a conseguir ao "concepto identitario. Moitas veces a nosa autoestima está algo desastrada, e que el faga este retrato, desde unha visión foránea, permite que ollemos a nosa identidade de fronte, amósanos un espello". Canda a isto, "ao retratar parroquias rurais amosa como estaban conectadas coa natureza, e penso que ese é un dos grandes valores do seu traballo nun momento no que estamos a procurar reconectar con ese mundo". Xavier Groba, que traballou co legado musical compilado polo danés sinala que "Temos unha cultura de base moi potente, moitas persoas a investigar que se apaixonan por Henningsen. Son os netos daquela xente que gravou e que agora descobren aí eses contidos. O país mudou neste tempo, aínda que non dun xeito tan negativo como pensaba el, que tiña idea de que toda aquela cultura ía desaparecer. Hai asociacións e individuos que mantemos aínda esa correa de transmisión, algo que non acontece noutras culturas, e iso explica o interese".
Marisa Rey agarda o seu momento
A máis recente exposición de fotografías Henningsen no Museo do Pobo preséntase como "Homenaxe a Gustav Henningsen e Marisa Rey". "Unha das obrigas morais que tiña o Museo era facer unha exposición homenaxe a agradecer a doazón" que realizou a parella, explica David Conde, comisario do proxecto. As persoas entrevistadas coinciden na importancia que ten a dona do investigador no seu traballo. "Son un tándem", explica Concha Losada. "Ela é madrileña de pais galegos, e foi quen facilitou esa vinculación co país. O coñecemento do idioma e o propio feito de se instalar con el e cos fillos aquí axudáronlle moito a que o considerasen un máis da aldea. Deste xeito puido achegarse a moitas casas e a persoas ás que seguramente un investigador solteiro non tería podido acceder". Tamén Xavier Groba coincide en sinalar a importancia de Marisa Rey neste legado. "É unha peza fundamental, tanto na vida como no traballo intelectual, que é dos dous. Ela foi fundamental para que el viñese a Galicia. Aínda que cando Henningsen investigaba aquí ela asumiu o rol de criar os fillos, despois tamén se doutorou en folclorística e fixo estudos sobre o conto galego" a relacionar estes relatos co papel da muller na sociedade tradicional.
Coincide David Conde en reinvindicar que "Marisa estudou a figura feminina, a literatura oral, e ten uns traballos moi interesantes. Entre os dous forman un tándem antropoloxicamente moi denso, son dúas persoas que se preocuparon moitísimo por afondar nos campos nos que traballaron". Tamén Eutropio Rodríguez comparte esta visión. "Ela é a súa musa e o cerebro na sombra. Conforman unha máquina moi compacta, e iso vese no tipo de conversas que aínda teñen e no xeito metódico no que traballan. Non é posible concibir a Gustav sen Marisa. O traballo é realmente dos dous, aínda que el disparase as fotografías", explica. "Fixo moito para comprender e traducir no sentido cultural e emocional a información que el compilaba, resulta unha figura esencial para entender o seu traballo", continúa Losada. Nese sentido anuncia que "Marisa Rey terá que recibir atención específica no futuro próximo. Aínda non temos eses arquivos, pero seguro que faremos o posible para que poidan chegar aquí e traballar con eles, sexa canda aos fondos do seu home ou por separado".
Futuro
Ademais deste proxecto, queda aínda moito por coñecer do labor de Henningsen en Galicia.
Segundo sinala Conde, no museo "queremos cumprir a vontade do matrimonio de divulgar e facer accesible este material", para o que se prevén desenvolver novas exposicións. Canda a isto, "queremos estreitar relacións coa Universidade Pública de Navarra, onde Gustav fixo a súa tese e onde se custodia o seu fondo documental. Con esta colección, a de fotografías e a de audio penso que se poden desenvolver proxectos moi interesantes". Así, no Museo do Pobo teñen claro que "algo pendente é publicar o traballo de Henningsen sobre a comarca de Ordes, que está aínda inédito. Estamos a traballar coa Universidade de Navarra e agardamos que saia algo nos vindeiros anos", adianta. Pola súa banda, Losada agarda que "se continúen a incorporar aspectos que aínda non se viron do seu traballo a outras propostas. Ao igual que aconteceu co teatro podería pasar co cinema ou con outras expresións artísticas". Canda a esta conta pendente, de cara ao futuro, Xavier Groba advirte que o país aínda non saldou a súa débeda co matrimonio de investigadores. "Tiveron o detalle de pensar en vida en traer este material a Santiago de Compostela, e iso é algo que se debe agradecer moitísimo máis do que xa se fixo". Para este investigador, Henningsen é "un personaxe que vai ir a máis. Penso que vai ser un caso semellante ao de Alan Lomax, que agora coñece todo o mundo".
Fotografías de Gustav Henningsen. Fonte: aCentral Folque. Eutropio Rodríguez.