Profecía do mar (Bernardiño Graña); Seda, Novecento ou Océano mar (Alessandro Baricco). De catro a catro (Manuel Antonio)... hai centos e centos de obras que teñen o mar como tema, como protagonista ou simplemente como un personaxe máis. Omnipresente, o mar acada unha constante na literatura. E precisamente esa relación abórdase no ciclo Un mar de literatura que ó día 13 comeza no Museo do Mar de Vigo.
Non é só un ciclo literario Un mar de literatura é un gran de area dun proxecto moito máis amplo que o Museo do Mar de Vigo organizou para achegar aos estudios marítimos o punto de vista das artes plásticas e da literatura. A todo este proxecto chamóuselle A mares e comezou o pasado 30 de xullo cunha exposición. Agora é o momento das palabras.
Un mar de literatura
Do 13 ao 17 de outubro Alfredo Bryce Echenique, José Manuel Caballero Bonald, Suso de Toro, Alfredo Conde, Luísa Castro, Zoe Valdés, Victor Freixanes, Manuel Vicent e Rosa Regás sentaranse á mesma mesa para falar da súa relación co mar e como o foron plasmando coa literatura. Ben polo seu propio lugar de nacemento, das súas vivencias persoais e en forma de conferencia, tertulia ou mesa redonda, un pouco ao libre criterio de cada quen, irán construíndo unha achega nova sobre o que é o mar e como se pode reflectir nas páxinas dun libro.
Olladas con mares
No mesmo momento en que se aborda a relación do mar coa literatura, pode verse tamén a exposición O espello do mar, que aborda a temática marítima na arte galega que comezou no século XIX e que remata no movemento plástico de Atlántica (1980). A mostra que se inaugurou o pasado 30 de xullo permanecerá aberta ata o 19 de outubro nas dependencias do Museo do Mar de Galicia.
Esta exposición xira arredor de catro piares claves: a paisaxe, desde a natureza mariña ata a costa habitada; a xente, oficios e froitos do mar; o mar tenebroso na que se centra o mundo mítico e máxico que rodea o mar e, por último, o mar como divertimento e como lugar de lecer. E todo isto en 300 obras que proveñen a súa maior parte de coleccións privadas que trae nomes coñecidos como Laxeiro, Maruja Mallo e Virxilio, con xente como Dionisio Fierros ou Manuel Abelenda Zapata.
E miradas oceánicas
O día 19 de novembro abrirá as súas portas Miradas oceánicas, que retoma a idea de abordar o mar desde a creación plástica partindo cronoloxicamente de Atlántica e achegando as últimas tendencias contemporáneas, incluíndo formatos e soportes.
E formarán parte desta exposición todos os artistas que participen no proxecto Nova creación visual. É o apartado máis ambicioso dos que forman parte da idea A Mares do museo do Mar de Galicia. Trátase dun concurso aberto a todos os artistas galegos nados ou residentes en Galicia despois de 1968 que terán que presentar un proxecto artístico relacionado co mar. Logo de formar parte da exposición, quedarán como fondos do museo.
Para todo isto hai un orzamento de 30.000 euros, pero ningún dos traballos deben superar os 6000 euros brutos. O xurado está composto por Pablo Carreira, director do Museo do Mar, Carlota Álvarez Basso, directora do Marco, Miguel Fernández Cid, director do CGAC e Manuel Olveira, responsable de Hangar (Barcelona). O prazo para entregar as obras é o vindeiro día 10 de outubro, e só sete días máis tarde o xurado dará a coñecer o nome dos gañadores, que terán que entregar as obras o 10 de novembro dese 2003.
O museo
En 1992 o Consorcio Zona Franca de Vigo asinaba un convenio coa Consellería de Cultura polo que se constituía na súa forma actual o Museo do Mar de Galicia, un centro que debería encargarse de amosar a relación entre o noso país e o mar. Por unha banda a Xunta de Galicia encargáralle ós arquitectos Aldo Rossi e César Portela un anteproxecto para o Museo Galego do Mar. Pola outra o Consorcio Zona Franca de Vigo preparaba un centro semellante na Estación Marítima da cidade. Os dous proxectos uníronse e, aproveitando os fondos da Unión Europea, a Zona Franca fíxose cargo do proxecto, xestionando totalmente tanto o proxecto museográfico coma o arquitectónico e investindo once millóns de euros no proxecto. Foi tamén esta entidade a que escolleu o tema da pesca coma eixe temático do centro. E nove meses despois da súa inauguración, constituíuse a fundación que foi a encargada de dotar de contido o edificio, un feito que deu pé a desenvolver o proxecto museístico, que agora plasman en proxectos como A mares.