Irene Rega Jul (San Cibrao, 1996), coa obra "Tecendo Redes", é a gañadora do IVº Premio de Novela Vilar Ponte, segundo ven de comunicar o Concello de Viveiro, que convoca o certame. Segundo o xurado, a súa obra "contribúe ao corpus da novela negra galega aportando unha mirada renovadora ás temáticas clásicas do xénero". Para o xurado, na obra premiada "destacan o ritmo narrativo, a construción dos personaxes e una trama que mantén a intriga ata o final". A acta tamén chama a atención da novela premiada no relativo á escolla de escenarios "pouco habituais no xénero; asà como o feito de tratar temas e problemáticas da sociedade actual, como o acoso ás mulleres e o maltrato cun enfoque comprometido." Tal e como contemplan as bases deste certame elixiuse tamén un segundo premio, que foi para Francisco Ant. Vidal Blanco, coa súa obra "As cartas do desarraigo", sobre esta o xurado sinala que escolleuna "polo tratamento que fai das relacións familiares, a investigación sobre o pasado, a riqueza na creación dos personaxes, tanto os individuais como a vila que conforma un ecosistema singular". O Premio de Novela Vilar Ponte, que cumpre este ano a súa cuarta edición, naceu coa finalidade de lembrar aos escritores Antón e Ramón Vilar Ponte e, asemade, apoiar e difundir a literatura en lingua galega. O premio, que ten unha dotación de 4.000 euros para a obra gañadora e 1.000 euros para a segunda, entregarase o vindeiro venres 2 de decembro no Teatro Pastor DÃaz de Viveiro.