A literatura galega preséntase en Frankfurt

Doce editoriais da AGE desenvolverán a súa axenda profesional na feira que comeza hoxe

Cuberta do Catálogo Galician Books
Cuberta do Catálogo Galician Books
A Asociación Galega de Editoras (AGE) participa desde hoxe na Feira Internacional do Libro de Frankfurt, a máis importante do mundo, que se celebrará nesta cidade alemá ata o 23 de outubro, e que este ano terá a España como cultura convidada. AGE decidiu non ir coa misión da Xunta de Galicia este ano ás feiras internacionais e participará cun espazo propio dentro do posto da Federación de Gremios de Editores de España, coa colaboración de CEDRO, no que doce editoriais desenvolverán un intenso programa de actividades profesionais: Alvarellos Editora, Baía Edicións, Kalandraka, Galaxia, Hércules de Ediciones, Xerais, Positivas, Laiovento, Triqueta Verde, Edicións do Cumio, Ediciones del Viento, e a distribuidora Arnoia.

A AGE elaborou o catálogo "Galician Books", específico para esta Feira, cunha selección de 90 títulos das doce editoras presentes, e o audiovisual "Unha edición poderosa" onde se recollen os máis de 20 Premios Nacionais galegos en todos os xéneros dos últimos 40 anos. Dentro do programa da feira as editoriais galegas participarán de distintas actividades, así Henrique Alvarellos Casas (presidente da AGE ), tomará parte da mesa " Editar en catalán, éuscaro e galego" que se celebrará este xoves e o día 22 manterá unha conversa pública co escritor Xesús Fraga, Premio Nacional do Libro de Narrativa 2021. Ademais a Escola de Letras, impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, será presentada ao sector e aos medios alemáns o xoves 20 de outubro, ás 10:00, no posto da Federación de Gremios de Editores de España. No encontro participarán o director xeral de Galaxia, Francisco Castro, a escritora Inma López Silva, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.



Acción institucional
Pola súa banda a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia pon na feira alemá ao dispor dos profesionais galegos un expositor no que exhibirán as últimas novidades para o público e se realizarán reunións profesionais con axentes procedentes de diversos países do mundo. As editoras presentes este ano son Almacén de Fábulas, Editorial Bululú, Catro Ventos, Demo Editorial, Dos Acordes, Doutor Alverio Editora, Edicións Fervenza, Lúdica, Medulia, OQO Editora, Small Station e Teófilo Edicións. No espazo institucional, de 24 m2, promoveranse tamén as últimas novidades. Estarán dispoñibles 258 títulos de diferentes editoriais e do fondo editorial da Xunta de Galicia, tamén se amosará información sobre o traballo dos profesionais galegos da tradución literaria, integrados na Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI).