Unha webserie dá a coñecer o Muíño da Seca de Cambados

O monumento dátase en finais do século XVIII ou comezos do XIX

| Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio
Compartir:
Muíño da Seca. Fonte: Turismo de Galicia.

Muíño da Seca. Fonte: Turismo de Galicia.

Cóntallo a Cambados é o título da webserie que repasa a relación desta vila co mar a través dos testemuños da súa veciñanza e a partir do antigo muíño de mareas da Seca. O proxecto enmárcase na celebración dos 400 anos deste muíño de mareas, un dos poucos conservados en Galicia, e foi desenvolvida por O Faiado da Memoria co apoio do Concello de Cambados e o financiamento do GALP Ría de Arousa.

A partir do muíño e da súa contorna, persoas que desenvolveron a súa vida vencelladas ao mar lembran distintos aspectos da súa vida en catorce episodios, dos que catro xa están dispoñibles na rede. O resto dos capítulos iranse dando a coñecer ata o vindeiro 6 de outubro.

Este sábado 24 de setembro celebrouse no concello unha xornada de estudo e divulgación sobre este ben. No marco da mesma, diferentes especialistas na historia local concluíron que a estimación de que o muíño conta con 400 anos é incorrecta, e adían a súa construción ata finais do século XVIII e comezos do XIX.

A recente divulgación dun mapa que recolle a zona en 1794 revela que naquel entón no existía aínda a edificación actual. Canda a isto, o feito de que o actual muíño posúa varias moas específicas para moer millo non cadra co carácter marxinal que tiña este cultivo a comezos do século XVI.

O Concello anunciou a súa intención de solicitar fondos para desenvolver un proxecto de musealización do conxunto que permita pór en marcha a maquinaria do muíño.




Que che parece esta nova?
96 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Concello de Cambados, Ría de Arousa, Medios de comunicación, Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO)