Vilamarín abrirá un museo etnográfico con fondos cedidos polos veciños

A importancia dos vellos trebellos

As aportacións dos veciños permitirán que a comarca de Vilamarín, en Ourense inaugure a mediados do vindeiro mes un museo etnográfico dedicado a diferentes oficios tradicionais. E mentres un museo se pón en marcha, outro está de aniversario. O Museo do Pobo Galego celebrou onte os seus vintecatro anos en marcha cunha xornada de portas abertas.

Vilamarín




Amador Vázquez, alcalde de Vilamarín, e Alejandro Rodríguez Caporale, pintor, son os principais responsables da creación do novo museo etnográfico; un como promotor e outro como coordinador. Foron varios meses de intenso traballo visitando os veciños do concello para acadar que cedesen para expor as antigas ferramentas de traballo que había nas casas.
Finalmente acadáronse nada menos que cincocentas pezas das empregadas en diferentes oficios. Así, o museo disporá de catro salas que suman catrocentos metros cadrados no edificio multiusos do concello. Cada unha destas salas estará dedicada a un oficio tradicional diferente. Así a labranza, a sega, a industria do liño e a industria madereira característica da zona.
Destacan de entre todas as salas a de labores da sega, que é a que conta cun maior número de pezas e que incorpora as empregadas nos traballo de desbroze do monte. Tamén a sala dedicada ó traballo do liño recolle todo o proceso de elaboración do tecido mediante as diferentes ferramentas empregadas. Ademais dos aparellos explicaranse en diferentes paneis como se realizaba o traballo.
Olimpio Liste, un dos máis destacados recompiladores de obxectos da sociedade tradicional galega xa amosou o seu apoio a este proxecto. Os responsables do museo apuntaron a posibilidade de ampliar os fondos do mesmo mediante a adquisición de pezas.











O pobo




O vintenove de outubro de 1977 foi a data en que, logo dun ano de intensos traballos, abría ó público o Museo do Pobo Galego no antigo convento de San Domingos de Bonaval en Compostela.
Para celebralo, os visitantes puideron ver durante o día de onte todos os espacios do museo que habitualmente están pechados ó público ou que contan cun menor número de visitas. Así oficinas, bibliotecas, salas dos arquivos gráficos e sonoros ou almacéns víronse invadidos por abondosos turistas que descubrían grande parte dos fondos que o centro non expón por falta de espacio.
Desde a súa apertura, o museo viu como ás primeiras salas de oficios, as dedicadas a cestería, tecido e cerámica, se engadían ó ano seguinte as de zoqueiros e latoeiros e como se ían realizando diferentes traballos de rehabilitación ata o día de hoxe.
As últimas obras de acondicionamento realizáronse o pasado ano, coa rehabilitación de espacios na planta baixa do centro.
O museo do pobo conta con 6.500 obxectos nos seus fondos, provintes en máis dun 86% de doazóns e depósitos. De todos eles, só un 15% está en exposición permanente.
Ademais, o centro conta cunha biblioteca especializada en antropoloxía e etnoloxía que ten máis 32.000 rexistros, entre os que se atopan doazóns de investigadores coma Taboada Chivite, Bouza Brey ou Rodríguez Fraiz.