Unha incógnita en forma de L

A intervención arqueolóxica no castelo de Portomeiro revela un edificio de gran tamaño

A intervención arqueolóxica no castelo de Portomeiro revela un edificio de gran tamaño
Foto: José Carlos Sánchez Pardo / Castelos no aire
Toneladas de entullo levan movido os arqueólogos nestas dúas semanas no Castelo de Portomeiro. E iso para exhumar un edificio de grandes dimensións, encaixado entre penedos, que está a resultar toda unha incógnita. A campaña arqueolóxica rematará este venres 22 de xullo e percorremos a intervención co seu director, Mario Fernández Pereiro.

Cando un chega á escavación do castelo de Portomeiro (Val do Dubra), o primeiro que se atopa é un enorme monte de pedras de dous metros de altura. Podería parecer unha especie de torreón monumental, ou parte da impoñente estrutura defensiva desta fortificación altomedieval, pero en realidade son toneladas de entullo. Están extraídas da muralla e dun impoñente edificio de 70 metros cadrados de superficie que o equipo arqueolóxico localizara na campaña anterior e que desta volta foi exhumado na súa integridade.

O edificio, que ten unha curiosa forma de L, esperta a curiosidade do director da intervención, Mario Fernández Pereiro. "O muro está moi ben construído, pero non entendemos por que se adosou á muralla e deixou esta camada de terra aquí", comenta sinalando como os muros da construción parten da masiva muralla de catro metros que cingue a croa deste castelo altomedieval, ocupado durante un relativamente curto período de tempo, entre os séculos IX e finais do X. Os construtores do edificio non parecía importarlles a humidade que podería trasladar toda esa altura de terra da muralla, disposta por riba do propio nivel de ocupación da estrutura.

Como xa é habitual no castelo, cada unha das estancias escavadas é un mundo. Na zona máis alta apareceu en campañas anteriores unha cociña-almacén con unha enorme cantidade de fragmentos de cerámica de almacenamento e cociña. Na zona central, un gran edificio de función descoñecida, baixo o cal atoparon algunhas das escasas evidencias da cronoloxía prehistórica do xacemento aos seus inicios e dun intrigante 'nivel pantasma' con escasos materiais de época tardoantiga. Esta nova e enorme edificación de 70 metros cadrados suxería novas posibilidades: os seus muros estaban elaborados moi coidadosamente. Ao ver a escombreira de entullo retirada do seu interior non é difícil imaxinar o seu aspecto case monumental. Por certo, entre todas as pedras, aparecen numerosos fragmentos de muíños prehistóricos, se cadra restos do antigo castro amortizados no castelo.


Entulleira e o novo recinto intervido

A cuestión é que ao escavar o interior, todo se volve incógnita. A cultura material que aparece é notablemente reducida: algúns fragmentos de cerámica e pouco máis. Nun dos recantos, anexo ao un penedo natural que está integrado no edificio, apareceron algúns carbóns que suxiren a existencia dunha zona de lume, pero aínda non está confirmada a existencia dunha lareira. Fernández Pereiro sinala algunhas das cousas estrañas, como a camada de terra ou dúas molestas pedras xusto na volta do L do recinto: "hoxe estorban, aínda que non sabemos se no futuro estiveron integradas nalgunha estrutura dun tipo. Si que están parcialmente repicadas". A cuestión é que a función do edificio é unha incógnita contraditoria: a calidade que se aprecia nos muros, que nalgúns puntos aínda conservan morteiro, contrasta co escaso coidado dedicado á súa distribución interior ou ao seu encaixe coa propia muralla. Unha corte, un barracón? Cos datos non é posible chegar a máis.

A nova campaña no castelo de Portomeiro volve asomar a complexidade e o pouco que sabemos arqueoloxicamente sobre o periodo altomedieval, pero tamén a súa ruptura, desde o punto de vista dos obxectos, coa cultura tardoantiga. "Vimos de escavar no xacemento tardorromano de Valencia do Sil, no Barco de Valdeorras", sinala Fernández Pereiro, "que remata aproximadamente no ano 450 d.C., e a cerámica que aparece aquí xa non ten que ver nada con aquel mundo tardorromano".

Sábese que o Castelo de Portomeiro non estivo habitado en moito tempo, pero a nova campaña permite saber que, despois do gran investimento na construción desa potente muralla de catro metros, se continuaron a realizar obras de certo porte como esta edificación. Porén, a cultura material que quedou foi mínima. "Como se lles mandaran recoller todo e marchar", sinala Mario Fernández Pereiro. A diferencia coas intervencións arqueolóxicas en castelos do século XIV ou XV, moi ricos en cultura material, é notable. "Fáltanos moito por saber sobre esta época", conclúe Fernández Pereiro, "escavar máis xacementos, comparalos, buscar onde estaban".

A intervención arqueolóxica está financiada polo proxecto de investigación "Arqueoloxía tardoantiga e altomedieval en Galicia", dirixido polo profesor da USC José Carlos Sánchez Pardo, do grupo Síncrisis da Universidade de Santiago, e conta coa colaboración con Tempos Arqueólogos, a Deputación da Coruña e os novos propietarios do castelo, a Asociación Cultural Larada.