Media ducia de actividades conmemorarán o centenario de Luz Pozo Garza

O 9 de xuño abre as súas portas a exposición Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022)

Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, presentaban este 24 de maio a programación de actividades coa que se conmemorará o centenario da poeta Luz Pozo Garza. Media ducia de propostas desenvolveranse ata a fin do ano coa exposición Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022) que se inaugura o 9 de xuño na Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura e que poderá verse ata o vindeiro 17 de outubro.

A mostra recolle unha selección de pezas persoais escolleitas entre o legado que a autora cedeu a esta institución e compleméntaas con achegas de persoas próximas e doutras bibliotecas canda a arquivos e documentación audiovisual sobre a súa figura. O proxecto conta co comisariado de Olivia Rodríguez e está estruturada en dez áreas temáticas a través das que se fai "un percorrido pola súa vida, obra e contribución á cultura e pensamento".

En paralelo a esta iniciativa desenvolveranse, tamén na Cidade da Cultura, as xornadas Constelación Luz. Especialistas na obra e vida a autora participarán e conferencias e mesas redondas, e un catálogo recollerá os contidos da exposición canda a contribucións de Carmen Blanco, Xesús Alonso Montero, Xosé María Álvarez Cáccamo, Antonio Deaño Gamallo, Víctor F. Freixanes, Pilar García Negro, Aurora López, Olga Novo, María Novo, Manuela Palacios González, Andrés Pociña, Armando Requeixo, Claudio Rodríguez Fer, Olivia Rodríguez González, Mónica Vázquez Porto e Darío Villanueva.

O 21 de xullo, a coincidir coa data de nacemento da autora, celebrarase o concerto musical e literario Sol de Medianoite, a cargo dunha selección de instrumentos de corda da Orquestra Sinfónica de Galicia. O recital achegará doce cancións a partir do libro homónimo da autora complementado con lectura de extractos da obra. A Consellería anuncia tamén a proxección do documental de Rosa Taboada Na procura da luz,que repasa a vida da homenaxeada.

Finalmente, o Centro Ramón Piñeiro publicará unha edición facsimilar da revista Mensajes de Poesía, na que Luz Pozo desenvolveu unha participación fundamental. Na presentación, Anxo Lorenzo destacou que "Luz Pozo Garza foi unha das poetas fundamentais da poesía galega, que deixou unha enorme pegada na cultura galega. Temos o compromiso de conservar e, sobre todo, divulgar o seu legado con propostas abertas a todos os públicos, que sexan orixinais e capaces de involucrar á sociedade". O web da Consellería de Cultura habilitará un espazo específico no que informará sobre este centenario.