A Fundación Juana de Vega organiza en Doade un seminario sobre patrimonio rural e paisaxe

Celebrarase entre o 27 e o 29 de abril

Celebrarase entre o 27 e o 29 de abril
Cartel do evento.
A Fundación Juana de Vega organiza na Casa do Patrón (Doade, Lalín) un novo seminario sobre patrimonio rural e paisaxe cos obxectivos de "incorporar a paisaxe e o medio rural como obxectos de investigación e formular propostas para a contorna do castro de Doade que sirvan para a súa posta en valor". A xornada, de tres días de duración, inclúe visitas, sesións de traballo e conferencias. Deste xeito, o día 27 a arqueóloga Vanesa Trevín guiará aos asistentes ao ámbito do castro e o antropólogo Rafael Quintía ofrecerá a conferencia "O patrimonio inmaterial e a construción cultural da paisaxe". O xoves a arqueóloga Paula Ballesteros conferenciará sobre a arqueoloxía e a etnografía como métodos de estudo para comprender a xénese e transformación da paisaxe rural e o 29 de abril o arquitecto João Nunes falará sobre "o proxecto na paisaxe".