Reimundo Patiño protagoniza o Día da Ilustración Galega 2022

Actividades en bibliotecas, centros de ensino e na rede conmemoran a data ao longo da vindeira semana

O domingo 30 de xaneiro, aniversario de Castelao, celébrase unha nova edición do Día da Ilustración Galega. De cara a esta data, ao longo de toda a semana previa, desde o día 24, bibliotecas e centros de ensino do país desenvolverán diferentes actividades vencelladas a esta disciplina e a lembrar o homenaxeado deste ano, que será Reimundo Patiño.

Na presentación desta celebración, que promoven a Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, a presidenta desta entidade, Laura Romero, sinalou que "ao se celebrar ao longo da semana", con especial peso no día 28, "será máis sinxelo que as actividades cheguen ás escolas, e iso vaille dar un importante impulso á figura de Patiño". Un persoeiro que ata o momento "é moi recoñecido no sector profesional da ilustración, a banda deseñada e mesmo o deseño, pero hai que levar ao grande público".

Patiño

Dous traballos de Reimundo Patiño
Dous traballos de Reimundo Patiño

Patiño, que desenvolveu a maior parte da súa carreira en Madrid, é especialmente coñecido polo seu labor pictórico e como pioneiro da banda deseñada galega. Canda a Xaquín Marín asinou o primeiro álbum galego de novena arte, 2 viaxes, e foi precursor neste ámbito coa súa banda deseñada mural O home que falaba vegliota.

O seu estilo, fortemente experimental, mesturaba "o informalismo, o action painting ou o surrealismo cun rico imaxinario ancestral de raizame atlántica", segundo explica o web do Día da Ilustración. Aplicou esta perspectiva tamén na pintura, no gravado, onde impulsou o colectivo Estampa Popular Galega, ou á ilustración, onde participou en obras de Novoneyra, Ferrín ou Manuel María.

Programa
O día 28 abre na Biblioteca de Galicia a exposición Reimundo Patiño: O desacougo creador, na que se oferta un repaso por diferentes obras do autor. Reproducións dos seus traballos pictóricos, gravados, ou mostras do seu labor na ilustración e na banda deseñada fan parte desta iniciativa que se poderá ver ata o 10 de maio. Para a mesma data está prevista a publicación na rede do vídeo divulgativo que cada ano se lle dedica ao protagonista da data e que achega uns apuntamentos básicos sobre a súa vida, obra e méritos.

Na mesma data celebraranse en liña dúas conferencias guiadas pola divulgadora da banda deseñada e actriz Neves Rodríguez nas que Xaquín Marín falará da súa experiencia en primeira persoa co homenaxeado e Roberta Vázquez abordará a situación das autoras de banda deseñada na actualidade.

A maiores Biblioteca Ánxel Casal de Santiago acollerá xa desde o día 24 unha mostra bibliográfica que pon ten contexto o traballo do homenaxeado, e ata o 10 de febreiro poderá verse outra na Biblioteca Juan Compañel de Vigo. Na mañá do 28 celebrarase tamén no centro compostelán un contacontos ilustrado sobre o autor a cargo de Polo Correo do Vento, que impartirá outro nesa tarde na Biblioteca de Pontevedra. Canda a estas actividades, diferentes centros bibliotecarios celebrarán obradoiros de ilustración, gravado e banda deseñada, charlas e diferentes mostras sobre temas vencellados á celebración.

Nese sentido, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou na presentación que, ao longo das nove edicións que leva esta efeméride, pasouse de que "fose a Consellería e mais a AGPI as que organizaban as actividades a que fose unha celebración moito máis espallada. Bibliotecas, centros de ensino como as Escolas de Artes e entidades de diferentes ámbitos integraron esta celebración nos seus programas anuais".