Teresa Moro recolle as emocións dos estudios de artistas no MARCO

Hoxe inaugurase a mostra 'O Efecto Reliquia' no museo vigués

O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, inicia hoxe a súa programación anual cunha mostra individual protagonizada por Teresa Moro (Madrid, 1970) que, baixo o título 'O Efecto Reliquia', pon en escena un proxecto que fala da súa paixón por coleccionar, rastrexar e arquivar obxectos singulares, como acto de resistencia e de reivindicación a través da pintura. Para Teresa Moro, "efecto reliquia" é aquela emoción que se esperta nela cando cre atoparse perante un obxecto (unha paleta, un tallo, a cama...), que puidese pertencer ou ser utilizado por un artista, actual ou pasado, a quen ela admira. Este proxecto pretende mostrar parte do botín de exemplares atopados por Moro tras peregrinacións reais ou virtuais, que ela vai clasificando nun particular arquivo gráfico. Esta mostra, comisariada por Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto, estará nas salas do MARCO ata o vindeiro 1 de maio de 2022.

As obras que compoñen a exposición xorden dun proceso que comeza coas visitas que Teresa Moro leva anos facendo a estudios de artistas, coleccionando reproducións ou copias de imaxes baixadas da rede. Dese material parte para realizar debuxos e pinturas, case sempre de pequeno formato, vendo os obxectos de fronte, sobre fondos en aparencia neutros, cun modo de pintar en extremo persoal. Lentes, pipas, mesas de traballo, pinceis, tubos de pintura, paletas, cadeiras, sofás, roupa, libros, portas, axexadoiros das portas, placas, escaleiras, obxectos... e as camas dos artistas atraen a súa atención e lévaos á tea ou ao papel. O resultado, segundo os comisarios, é unha homenaxe á pintura, ao acto de pintar "e talvez a súa resposta á pregunta do seu querido Ángel González García: 'Quen sabe o que fan os pintores nos seus estudios? Durmir? Soñar talvez?'".
Ligazóns