A Cidade Departamental recrea por terceiro ano consecutivo os combates co exército inglés en 1800

Defender Ferrol do inglés

Recrear unha batalla de hai trescentos anos. Ese é o eixe dos actos que se celebraron en Ferrol esta fin de semana. Arredor desa recreación, a ocasión de coñecer mellor a historia e a xeografía da comarca, e un número cada vez maior de veciños e de visitantes implicados. Sen embargo, problemas co apoio municipal ao evento poderían poñer en perigo a continuidade do evento en futuras edicións.



Estaba a empezar o século e eran tempos confusos. España era por aquel entón aliada dun Napoleón que dominaba Europa, e os mesmo ingleses que poucos anos despois virían a nos axudar na Guerra da Independencia eran inimigos feroces. Por iso cando o vintecinco de agosto de 1800 un vixía observou as máis de cen velas que se achegaban desde o Norte correu a dar a alarma. A loita durou ata a noite do vinteseis, e nese tempo os ingleses conseguiron tomar as fortificacións das praias de Doniños e de San Xusto e sitiaron o castelo de San Felipe con máis de catro mil homes. Sen embargo, a resistencia ofrecida polas tropas españolas coa colaboración dos veciños da zona evitaron o éxito da manobra británica e conseguiron expulsar os invasores e introducir na historia a Batalla de Brión.

A marcha da batalla
En 1990 o Club de Montaña Ferrol puña en marcha, co apoio do concello, a primeira actividade para lembrar a batalla que tivera lugar naquela zona case douscentos anos antes. Como non podía ser menos nun club de montaña, a actividade proposta foi un percorrido a pé polos lugares nos que se desenvolveran aqueles afastados combates. E así naceu a Marcha Polos Montes de Brión, que se vén celebrando puntualmente desde entón cada vintecinco de agosto. Na primeira edición houbo xa setenta e cinco participantes, e mesmo no final do percorrido celebrouse unha primeira representación informal da batalla, que rematou cun bo xantar entre todos os participantes. Pouco a pouco o proxecto foi medrando ata acadar os máis de mil participantes que fixeron a ruta nas últimas edicións. Ademais, instituíse o premio honorario ao “Inglés máis combativo”, consistente nun mallo que recibe aquela persoa que se amosase máis esforzada na realización da ruta ou que destacase por algunha razón. Deste xeito o premio recibírono desde unha nena de dous anos ata o primeiro inglés que participou no evento.

O bicentenario
Con ocasión do segundo centenario da Batalla de Brión, no ano 2000, o Concello emprendeu un ambicioso programa de actos para recuperar a memoria colectiva daqueles feitos. Regatas, a reconstrucción dun campamento militar da época, certames de tiro con arco, un mercado, recitais poéticos e musicais ou ofrendas florais aos caídos. Foi con ocasión deste bicentenario cando naceu a recreación histórica do combate. A orixe desta reconstrucción histórica está en Esteban Fernández, actual presidente da Asociación Batalla de Brión. Vello estudioso da batalla, propúxolle ao concello traer ata Ferrol unha actividade que xa se estaba a desenvolver na Coruña coa Batalla de Elviña e que conta cada vez con máis adeptos en Europa.

A nova batalla
Vestidos con uniformes orixinais da época ou con fidelísimas reproduccións, empregando as mesmas armas daqueles exércitos cargadas con pólvora, desfilando e representando de xeito incruento os combates nas mesmas zonas en que se desenvolveron. Nesta última edición son arredor de cento cincuenta os visitantes que se achegaron para ocupar un posto coma tropas inglesas e españolas ou, simplemente, para gozar do espectáculo. Entre eles había ata trinta ingleses, varios membros da Associação Napoleónica Portuguesa, vintecinco persoas de Cacabelos (O Bierzo), ou quince coruñeses dos Royal Green Jackets, ademais de socios de varias asociacións españolas e francesas dedicadas á recreación de batallas napoleónicas. Entre seiscentos e oitocentos euros é o que custa conseguir o equipo axeitado para participar nestes eventos, pero os participantes aseguran que paga a pena polo ben que se pasa.

No 2003
Neste 2003 aniversario houbo combates por partida triple. O pasado venres ás nove da noite Ferrol puido ver unha loita que non se chegou a producir na realidade. Tropas dos dous exércitos que se enfrontaron en Brión pelexaban polo control do porto e os ingleses desfilaban pola rúa da cidade en compañías das tropas defensoras. Houbo que agardar ata o sábado para ver a auténtica representación do evento. Ás sete e media da tarde o Castelo de San Felipe tremía de novo ante o son dos disparos e os ingleses (con ben menos efectivos que na anterior ocasión) loitaban por conquistalo, unha vez máis sen éxito. Despois do duro combate celebrouse unha cea ambientada na época da Ilustración que reuniu a douscentos comensais. O domingo celebrouse finalmente a XIV edición da marcha polos montes de Brión e abriuse o campamento militar de época instalado no Castelo de San Felipe. No paseo non faltou algún contratempo coma o incendio forestal que se declarou en parte do traxecto durante o sábado e que case obriga a suspender a marcha. Tamén houbo unha espesa néboa que acompañou aos camiñantes durante todo o percorrido. Pola tarde de novo se produciron os incruentos combates que lembran a loita de 1800.

O futuro deste pasado
A última conmemoración da batalla de Brión veu marcada pola precariedade. A organización tivo que agardar ata o cinco de agosto, só vinte días antes do evento, para saber se o concello prestaría apoio económico á celebración. Logo da resposta positiva, conseguiuse desenvolver un completo programa de tres días que, sen embargo, non puido evitar determinadas carencias. Deste xeito, de o Club de Montaña Ferrol lamentouse que, logo de catorce anos de traballo, tivesen que realizar esta última edición da marcha sen ningún tipo de apoio oficial. Xan Ramírez, presidente deste colectivo, sinalou que só gracias á colaboración altruísta dos veciños e comerciantes da zona se puido completar esta nova edición. Desde o acondicionamento dun carreiro ata a oferta de bebidas de balde. Desde o Club de Montaña solicitaban aos participantes un pago de 1,20 euros para cubrir os gastos de transporte en lancha co que comeza o percorrido. Sen embargo a empresa Retrasub decidiu finalmente ofrecer este servicio de xeito gratuíto, o que posibilitou que o evento continuase a ser gratuíto. Como se puido ver nesta nova edición, a conmemoración da batalla medra e implica cada vez a máis veciños da zona ao tempo que atrae un número crecente de visitantes. Queda por ver se continúa o apoio institucional que permitiu poñer en pé este evento ou se as asociacións que se encargan de organizar o groso de actividades deben buscar novas vías de financiamento ou non lles queda máis remedio que abandonar o proxecto.