A Real Filharmonia ofrece 'viaxes' para a súa nova temporada

A orquestra ofrecerá varias estreas de autores galegos e unha ópera en coprodución co CDG

A orquestra ofrecerá varias estreas de autores galegos e unha ópera en coprodución co CDG
A Real Filharmonía de Galicia presentou a nova temporada 2021-2022, na que se continuará coa conmemoración do seu 25º aniversario (1996-2021) e durante a que celebrará na súa sede, o Auditorio de Galicia, 24 concertos. Baixo o lema Viaxes, a RFG pretende levarnos coa súa música a "percorrer a xeografía mundial, desde Australia a Finlandia pasando por París, Hamburgo, Praga, Bohemia ou cruzando o océano ata Latinoamérica; emprendendo con esta programación un camiño emocional que nos permite transitar a través da rebeldía, da fantasía, do feminismo, do amor, da ecoloxía e, sobre todo, cara a nós mesmos", segundo se afirmou na rolda de prensa desta nova temporada. Ademais en liña con estas 'viaxes, a orquestra "viaxará" coa súa música por toda Galicia, con 15 concertos: 7 en Vigo, 4 en Ferrol, 2 en Lugo, 1 en Ourense e 1 en Pontevedra. Faranse en colaboración coas Sociedades Filharmónicas de Vigo, Ferrol, Lugo e Pontevedra; Afundación e a Deputación de Ourense.



Os fitos desta nova etapa comezan desde o seu inicio. A temporada arrancará o 7 de outubro con Paul Daniel á batuta. Será a estrea do ballet 'Hildegart' do compositor galego Juan Durán, baseado na historia da ferrolá Hildegart Rodríguez Carballeira. No marco do Festival Cineuropa, a orquestra porá a banda sonora ao filme mudo 'O peregrino' (1923) de Charles Chaplin, coa música de Chaplin restaurada polo mestre Timothy Brock, que ademais dirixirá o concerto. Ademais. en coprodución coa Asociación de Amigos da Ópera de Santiago e o Centro Dramático Galego, a RFG ofrecerá a estrea mundial de 'A sombra de cristal', unha ópera cómica en galego de Fernando Buide, con texto e dirección escénica de Quico Cadaval, escrita por encargo da Real Filharmonía de Galicia. Serán dous concertos, os días 9 e 10 de decembro no Auditorio de Galicia, nos que se contarán coas voces da soprano María Hinojosa e do barítono César San Martín. En colaboración co Xacobeo 2021-2022, a Real Filharmonía de Galicia vai presentar en novembro un CD de música galega contemporánea.

Encargos en apoio dos novos compositores galegos e estreas
Durante a temporada a RFG realizará varias estreas, mantendo así o seu compromiso coa creación contemporánea e o apoio a novos compositores galegos, en colaboración co Xacobeo 2021-2022. Ademais da obra de Juan Durán e da ópera de Fernando Buide, presentarase por primeira vez ante o público o primeiro movemento da triloxía 'Sattva' do tamén galego Octavio Vázquez, composta por encargo da RFG. Así mesmo, terá lugar a estrea de 'Nightfal' do trompetista Esteban Batallán. Por outra parte, o compositor Joam Trillo completou o seu arranxo para a RFG da Sétima Sinfonía de Mahler, cuxa estrea será en febreiro. Durante a temporada programaranse 2 proxectos didácticos. Trátase de Unha aventura..., dous concertos para escolares e un para o público familiar a finais de xaneiro co mestre galego Pablo Devigo; e O grande Beethoven, un encargo da RFG ao Serviço Educativo da Casa da Música de Porto polo 250 aniversario do nacemento do xenial compositor, con dous concertos en febreiro.