Unha lenda para un teatro por facer

Morgante recupera a edición facsimilar de 'A torre de Peito Burdelo' (1891) de Galo Salinas

Galo Salinas
Galo Salinas
Explicaba Eladio Rodríguez González no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (Galaxia, 1958) a existencia en Bergondo dun lugar coñecido coma peito bordel que arrastraba unha lenda que o ilustre enciclopedista consideraba unha completa fantasía. Segundo aquela naquel lugar, Mauregato, rey de León, Asturias y Galicia, fac´ñia reunir anualmente cen doncelas, a metade nobres a metade plebeias, que había dar coma tributo ao rei de Córdoba; o coñecido coma "tributo das cen doncelas" sería para algúns un dos motivos que estaban detrás da batalla de Clavijo. Segundo esta mesma lenda cinco fidalgos da linaxe Figueroa, residentes ou ligados ao marquesado dese nome, fartos do oprobio e armados só con polas de figueira fixeron fuxir aos enviados de Abderramán antes de que se fixeran coas doncelas secuestradas. Sobre esta lenda transcorre a acción da obra A torre de Peito Burdelo, un texto dramático escrito en 1891 por Xosé María do Carme Galo Salinas Rodríguez (A Coruña, 1852-1926) e que ven de reeditar en edición facsimilar Edicións Morgante, selo de Rinoceronte editorial, dentro da súa colección Mudanzas.

Segundo nos explican desde a editorial que recupera este texto para os andeis de novidades, esta obra fai unha achega importante para o sistema literario galego, "xa que se publica nun momento no que o teatro galego estaba por facer", aseguran. A obra de Galo Salinas serviu segundo esta perspectiva "como preparación para unha literatura dramática que estaría por vir, e sen a cal os dramaturgos relacionados coas Irmandades da Fala partirían de cero". Malia todo, este mesmo ano o Centro Dramático Galego recuperou para os escenarios a peza teatral escrita en 1671 por un licenciado chamado Gabriel Feixoo de Araúxo hoxe coñecida como A contenda do río Miño, anterior a esta, aínda que só consistía nun Entremés. O texto orixinal de Galo Salinas reproducido por Morgante nesta edición deste mesmo mes de xullo de 2021, presenta o libro como "laoreado drama hestórico-gallego, n'un auto y-en verso, esquirto n'o idioma rexional". Ademais a obra,en contacto coa lenda na que se basea, ofreceu nesta edición orixinal o engadido a xeito de prólogo dunha carta do propio Marqués de Figueroa, representante da liña dinástica presente no relato lendario. Un relato sobre o lugar de Bergondo Torre de Peito bordel que Eladio Rodríguez coidábase de sinalar coma falso, indicando como a xuízo de varios investigadores, o nome de peito bordel no ten a significación que servíu para inventar a lenda, pois bordel, refírse, segundo el, a una servidume, que debeu utilizarse para levantar ou reparar a torre, daí un nome que sería como "peito de axuda", dando lugar despois a que unha interpretación castelanizada do bordel gallego fose confundida co "burdel" castelán, "de onde sen dúbida ven a falsa tradición”, aseguraba Eladio Rodríguez.

Capa do libro
Con todo, o valor literario e precursor da obra de Galo Salinas non se ve afectado pola falsidade da lenda. O autor, nado na Coruña en 1852, recala en Pontedeume tras un paso pola emigración en Uruguai, para dedicarse ao ensino, e logo instálase na Coruña, onde desenvolve unha importante actividade xornalística. Dirixe a Revista Gallega entre 1895 e 1907 e está en contacto cos membros da Cova Céltica. É o primeiro presidente da Escola Rexional de Declamación e posteriormente, o primeiro bibliotecario-arquiveiro da Real Academia Galega ata 1907, cando marcha a Madrid a exercer como chanceler da delegación uruguaia ata a súa xubilación. É autor dunha prolífica obra dramática, na que destacan esta A torre de Peito Burdelo (1891), Filla…! (1892) e Bodas de ouro (1921), así como do primeiro ensaio sobre a literatura dramática en galego.