Quiosco: Erregueté 101

Nova etapa a toda cor e aberta ao conxunto das artes escénicas

A Erregueté - Revista Galega de Teatro ven de cruzar a liña das cen publicacións cunha aposta de futuro renovada, unha nova etapa que comeza neste número cargado de simbolismo. Foi no marco da Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas na que se levou a cabo a presentación deste número, xunto coa adiada o pasado ano do número 100. Nunha gala cálida e inzada de presenzas e contribucións de varios tipos, o novo director desta publicación Afonso Becerra, presentaba este número coas súas ambiciosas novidades: unha coidada edición a toda cor e o engadido de varias seccións que cobren, máis alá do teatro, as artes escénicas do circo, a danza e artes do movemento e o teatro de monicreques. Con elas a Erregueté-Revista galega de Teatro, editada sen ánimo de lucro pola Asoc. Cultural Entre bambalinas, consolida o seu papel de medio referencial da actividade escénica profesional galega en todas as súas expresións, apoiada ademais de nesta publicación bianual de 183 páxinas, na súa edición dixital en constante actualización informativa.

O sumario deste importante número 101, xa baixo dirección de Afonso Becerra e subdirección de Ana Abad, deixa ver que non se descoida a publicación de textos dramáticos, ao manter dous en cada número ee, polo tanto a publicación de catro ao ano igual que coa anterior periodicidade. Ademais inclúese unha debida reportaxe in memorian sobre Xosé Manuel Pazos, un dos impulsores da mesma así como de moita da actividade arredor do teatro no Morrazo. Tamén hai espazo para recordar a Lino Braxe . Unha longa entrevista a Fran Núñez, director do CDG, afonda na estrea desa peza de A contenda do río Miño, de recente estrea en Almagro, ademais de compartir un balance da situación do Centro Dramático. Ata 9 espectáculos teatrais desta tempada teñen a súa crítica comentada neste número alén de cinco libros publicadas que tamén son comentados. O Iº Congreso Internacional do teatro Galego é obxecto tamén de balance nunha entrevista a Inma António, presidenta da AGT. O número 101 ofrece estes máis contidos con esta nova etapa gráficamente moi visible grazas á cor e un novo deseño de maquetación que aproveita esas posibilidades gráficas. Está dispoñible nos seus puntos de venda e a través do servizo de suscricións.