A morte de Domingo García Sabell provoca unha fonda consternación en todos os campos da sociedade galega

Consternación en Galicia

Aínda que a súa enfermidade xa o retirara da vida pública nos últimos anos, o oco que deixa a na sociedade galega Domingo García-Sabell está a manifestarse desde onte a través das abondosas mostras de dó. A capela ardente, situada no Concello da Coruña ata as 17.45 desta tarde, está a recibir numerosas visitas e o funeral, que se celebrará ás sete da tarde no mosteiro de San Martiño Pinario, en Compostela, prevese multitudinario. Desde alí os restos trasladaranse ata o cemiterio de Boisaca.

Os medios de comunicación fanse eco hoxe das innúmeras mostras de pesar coas que a sociedade galega lamenta a desaparición dun dos persoeiros máis importantes das últimas décadas. Ás abondosas esquelas e comunicados de prensa súmanse as declaracións dos representantes dos máis diversos sectores, fondamente afectados pola desaparición de García-Sabell, e que recoñecen unanimemente ao doutor coma personaxe clave na conformación da Galicia actual.



A cultura

Desde a Real Academia Galega (RAG), institución que García-Sabell presidiu durante longos anos, o actual presidente, Xosé Ramón Barreiro, apuntou que “persoas coma Sabell hai moi poucas en Galicia” e destacou a súa capacidade para “conciliar a cultura galega e a universal”. Por outra banda, o Presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta, sinalou que esta morte supón unha “perda importante” para o país, destacando “a tarefa decisiva en defensa da identidade e da autenticidade de Galicia en momentos difíciles” como foi o franquismo. Tamén Agustín Sixto Secto presidente da Fundación Rosalía de Castro cualificou ao falecido coma persoa “dun luxo especial” e coma a “cabeza lúcida dos últimos tempos en Galicia”. Desde Real Academia Española, o catedrático Guillermo Rojo apuntou que “Sabell continuou a tradición do médico dedicado á cultura” e recoñeceu que “foi fundamental para as letras galegas”. Xosé Luís Franco Grande, membro da RAG, reivindicou “as achegas colectivas e individuais” do falecido ao país, así coma “a súa importante actitude que posibilitou que Ramón Piñeiro se dedicase a construír o galeguismo”.



Os persoeiros

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, apuntou que o falecido “forma parte da historia de Galicia” e destacou que “este home de letras e político unía ao seu amor por Galicia unha bonhomía e gran tralla intelectual”. Tamén o conselleiro de Cultura, Xesús Pérez Varela, tivo palabras de lembranza e de recoñecemento para esta figura, sinalando que “temos que loar a súa actitude vital de mirar sempre para adiante e sen rancor”. Pola súa banda, Isaac Díaz Pardo destacou que García-Sabell “tivo moito interese por poñerse en contacto cos exiliados” e lembrou o seu apoio á creación do Laboratorio de Formas de Galicia, xerme do actual Sargadelos. Desde a Coruña, onde está instalada a capela ardente, o alcalde Francisco Vázquez apuntou que “García-Sabell e Piñeiro foron os dous grandes soportes da idea de Galicia na posguerra e na dictadura”. Tamén o antigo presidente da Xunta Xerardo Fernández Albor recoñeceu ao falecido coma o seu mestre ao sinalar que “máis da metade do que sei de cultura aprendino del”. Desde a Academia de Medicina e Cirurxía Franciso Reyes Oliveros lembrou a faceta de Sabell coma doutor, apuntando que “amaba e sufría cos enfermos” e que foi “un médico de grande talla”.



Os partidos

Os principais partidos do país tamén amosaron o seu pesar polo falecemento do insigne doutor. O Bloque Nacionalista Galego apuntou, a través dun comunicado de prensa, que se trata dunha figura que “pasará á historia de Galicia” e transmitiu o seu pésame a familiares, amigos e compañeiros do falecido. Desde o PSdeG sinalaron que “García-Sabell estará sempre na nosa lembranza coma referente do compromiso con Galicia e a defensa dos seus sinais de identidade”. O partido tamén recoñeceu a importancia do “labor de organización na resistencia cultural galega durante o franquismo” así coma “a incuestionable contribución ao fortalecemento do autogoberno” e o “desempeño exemplar da delegación do Goberno en Galicia durante quince anos”. Pola súa banda, o Partido Popular destacou o empeño do doutor en “conciliar o galeguismo co europeísmo coma dúas caras inseparables da mesma moeda” así coma "a súa contribución á normalización plena dos sinais de identidade galega”.



Biblioteca

Logo do falecemento de García-Sabell, a súa extensa e valiosa biblioteca, de máis de vinte mil volumes, pasará a mans da Fundación Barrié, que mercou este legado en 1986. Na actualidade os libros está en proceso de catalogación e de organización. O doutor negociara a venda dos seus libros a esta institución coa condición de poder empregalos ata a hora da súa morte.