Samuel Diz pon banda sonora á colección do Museo de Pontevedra sobre a Guerra Civil e exilio

O Intérprete e investigador tudense dará un concerto de músicas marcadas pola contenda e o exilio

| Santiago. Redacción | Seccións: HistoriaMúsicaArte
Compartir:
Samuel Diz                                                                              Foto: Xosé Durán

Samuel Diz Foto: Xosé Durán

O vindeiro martes 29 de xuño terá lugar no edificio Castelao do Museo de Pontevedra o concerto do guitarrista clásico Samuel Diz (Tui, 1986) con título "Álbums de guerra: músicas para unha exposición", pensado con motivo da integración ao discurso expositivo da colección permanente do Museo dun conxunto de obras vinculadas coa Guerra Civil, a represión e o exilio. Samuel Diz intérprete e investigador da música na Xeración do 27 e do exilio republicano español, relaciona estas obras artísticas que se acaban de expoñer coas partituras de Xesús Bal y Gay, Rosita García Ascot, Simón Tapia Colman e a inédita “Suite para guitarra” de Isidro B. Maiztegui, que será unha estrea.

As pezas que o músico ofrecerá teñen vínculos artísticos e constantes vitais marcadas pola Guerra Civil española, período no que o guitarrista e compositor Xosé Chas García (Oleiros, 1907-1947) continuou alimentando o seu álbum musical do que agora se recuperan, por primeira vez, tres composicións inéditas. O recital farase o martes 29 de xuño, ás 19:30 horas e poden reservarse as entradas a través do correo electrónico do Museo de Pontevedra. O concerto rematará cunha escolma de cancións populares recollidas e difundidas por Federico García Lorca. Un conxunto de melodías que tiveron un especial protagonismo na contenda e que interpretará Samuel Diz na réplica da guitarra orixinal do poeta. Un instrumento histórico e simbólico que el recuperou no disco Memoria de la melancolía (Poliédrica 2020).

Que che parece esta nova?
49 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Guerra Civil, Museo de Pontevedra, Castelao, Tui...