Santiago Martínez leva o Premio Richard H. Driehaus das Artes da Construcción

O galardón estatal recoñece o labor do ferreiro compostelán no campo da restauración e na recuperación de técnicas

Santiago Martínez no vídeo dos Premios Richard H. Driehaus
Santiago Martínez no vídeo dos Premios Richard H. Driehaus
O responsable da recuperación das reixas da Catedral de Santiago, o compostelán Santiago Martínez Otero, acaba de ser galardoado cun dos premios Richard H. Driehaus das Artes da Construcción. Este certame estatal recoñeceu o responsable de Forxa Chago co premio na categoría de traballos do metal e do vidro pola súa traxectoria, cun importante labor en tarefas de restauración de edificios como a Catedral de Tui, o pazo de Xelmírez, o de Raxoi ou o Castelo de San Felipe.

Os premios que convoca anualmente INTBAU (International Network for Traditional Building, Architecture and Urbanism), están dotados con 10.000 euros e unha placa conmemorativa, e contan co apoio do Ministerio de Transportes e do Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España.



O web dos premios destaca do compostelán a súa mestría á hora de traballar " as xuntas entre as distintas pezas de forxa para que os elementos poidan absorber as enormes expansións e compresións que sofre o ferro con cambios de temperatura" e a súa preocupación polos "puntos de contacto entre as fábricas e os elementos de forxa". Ademais, salienta o emprego que fai do chumbo neste sentido, a experimentar con diversas técnicas "tanto por vertedura como por gravado en frío, e a estudar e optimizar os procesos de purificación do chumbo, os tipos de ferramentas, o formato das garras, etc".

Do mesmo xeito, lembra que Martínez é tamén experto en ferros antigos. "Hai poucos profesionais que, como Santiago, identifiquen, poidan datar e coñecer as características do ferro de cada época" e tratalos como corresponde. "Ademais, recuperou algunhas técnicas de acabado e protección de metais moi duradeiras, especialmente para ferros vellos, como untar a forxa con produtos tradicionais como ceras naturais, aceites, grafito, etc", explica o web dos galardóns.

O xurado dos galardóns apuntou tamén o labor de divulgación do oficio que desenvolve o compostelán mediante accións formativas e encontros.