A Fundación Seoane achega a Galicia a obra de Víctor Moscoso

A exposición Moscoso Cosmos está aberta ata o vindeiro 10 de outubro

O traballo que desenvolveu o galego Víctor Moscoso no marco do movemento underground estadounidense desde os anos 60. Este é o eixe de Moscoso Cosmos, a exposición que abre a Fundación Seoane na Coruña este 14 de abril e que se poderá ver ata o vindeiro 10 de outubro. Na mostra, estará presente a "célebre serie de carteis de rock psicodélico realizados en apenas oito meses durante os anos 1966 e 1967 e catorce números da revista underground Zap Comix, editada ao longo de corenta anos con artistas como Robert Crumb ou Rick Griffin. Xunto a estes dous eixos, inclúese outra selección de carteis, cubertas de discos, cómics, ilustracións para libros e revistas, animacións e fotografías biográficas".

O proxecto integra ademais unha sala na que se poderán ver animacións do autor e os seus carteis cinéticos, e a edición dun libro en tres linguas con dirección de arte do propio Moscoso que será a maior monografía sobre o autor ata o momento. Na publicación, canda a unha introdución do crítico neoiorquino Steven Heller poderá lerse unha biografía do artista realizada por David Carballal, comisario da exposición. O cartel da exposición tamén foi realizado por Moscoso de xeito específico para a actividade.

A iniciativa é unha coprodución da Fundación Luis Seoane da Coruña, o MUSAC de León e o Centro Niemeyer de Avilés, e conta coa colaboración de Acción Cultural Española (AC/E) e Gadis.