As 10 (+1) noticias destacadas do ano

Repasamos os acontecementos e tendencias máis relevantes do 2020

Repasamos os acontecementos e tendencias máis relevantes do 2020
Todos os anos realizamos un exercicio complexo: achegarnos de xeito retrospectivo ao ano anterior e identificar os grandes acontecementos e tendencias do momento. Nun ano marcado pola pandemia quixemos resaltar como o sector cultural reaccionou ante unha crise sanitaria con profundo impacto en moitos dos seus ámbitos, pero tamén foi un ano de importantes apostas no audiovisual,

Creacion cultural en tempos de covid

En marzo comezou un dos períodos máis estraños da historia recente de Galicia e do resto do mundo. A sociedade enteira ficaba recluída nos seus domicilios. O sector da cultura foi un dos sectores máis afectados, toda vez que as restricións de movemento afectaban de maneira directa non só aos espectáculos senón á propia natureza de moita acción cultural: desde conferencias ou xornadas ata roteiros. Case de maneira inmediata, unha significativa parte do sector cultural reaccionaba poñendo a disposición pública e gratuíta a través de Internet unha enorme cantidade de contido cultural. Publicacións, conferencias en vídeo, documentais, ficción, concertos musicais. Primeiro por parte de creadores, científicos ou especialistas, e tamén por asociacións e entidades culturais. As institucións culturais tamén comezaron a participar destas iniciativas. Estas iniciativas foron acompañadas dun incremento notable da audiencia dos sitios culturais galegos e de determinados consumos, como o préstamos de libros electrónicos, que se incrementou de xeito considerable. Ao tempo, vivíase un debate sobre a gratuidade dos contidos culturais. A Covid-19 amosou cambios na forma de consumir, pero tamén producir cultura, incrementando o uso de todo tipo de ferramentas colaborativas. E como resultado do peche, naceron unha gran cantidade de novos proxectos dos que estamos comezando a ver agora a súa saída en sectores como o editorial.

O noso cancelo #culturanacasa recolleu moito dese movemento.

O Audiovisual galego sube ás plataformas

Viña dos anos anteriores unha tendencia que neste 2020 presentou xa ante o público unha realidade que nos estudios de produción era un feito coas rodaxes e planificacións. Cos antecedentes de éxito de Fariña (Bambú Producciones) e Hierro (Portocabo), o desembarco de producións televisivas nas plataformas dixitais foi este 2020 un auténtico escaparate internacional do saber facer en todos os niveis e da adaptación do noso sector audiovisual aos tempos e vai continuar. O reforzo de Galicia como localización de todas as historias posibles e a demostración do alto nivel de intérpretes que temos, quedou patente para todo o orbe. O traballo das empresas na asistencia a mercados dá tamén os seus froitos. Comezaba o ano coa estrea en TVE de Néboa, serie de coprodución galega a través de Voz Audiovisual cun grande compoñente de intérpretes galegos e localización netamente local. Despois, mentres nos Premios Mestre Mateo recoñecíase a galeguidade e excelencia de Hierro con catro importantes galardóns chegaba a estrea en Movistar+ de La Unidad, dirixida por Dani de la Torre para Vaca Films e no catálogo de HBO entraba a co-produción galego portuguesa Auga seca (Portocabo), en versión orixinal en ambos idiomas. A esta séguea outra produción de Portocabo na mesma liña, Vidago palace, xa emitida previamente en TVG. Para Netflix volvería a segunda temporada de O sabor das Margaridas (CTV), a primeira serie íntegra en idioma galego estreada nesa plataforma en 2019. E finalmente o ano ven de pechalo con grande éxito El desorden que dejas, unha nova produción de Vaca Films esta vez para Netflix, ambientada en Galicia e con grande peso de intérpretes galegos así como do seu creador, Carlos Montero. Para o primeiro mes de 2021 está prevista a estrea en Amazon Prime da miniserie Tres Caminos de Ficción producciónes, que en previsión ten outra para a mesma plataforma baseada na vida de Amancio Ortega. As rodaxes e producións non paran, superando os atrancos da COVID-19, e a língua galega está presente en todas elas en maior ou menor medida coma un sinal de identidade e marca dun sector audiovisual que crece ante os ollos do mundo.

Sobre Auga seca, Vidago Palace e Tres caminos.

A complicada coreografía da danza pública

Os cambios nos estatutos da Axencia Galega de Industrias Culturais marcaban a entrada do ano con ampla contestación por parte dalgúns axentes dos sectores escénicos. No caso da danza a decisión por parte da axencia gobernamental de deixar sen dirección de seu ao Centro Coreográfico Galego engadía tensión a unha situación que xa incluíra o cesamento de Mercedes Suárez en 2019, cuxa xestión durante 9 anos tiña moitos detractores no sector. O mesmo sector levantaba a voz ante a desaparición do Centro Coreográfico Galego como unidade independente e a xornada sobre o estado da danza en Galicia que se celebrou no Consello da Cultura Galega o 21 de xaneiro serviu como foro para esta expresión de desacordo coas políticas da administración. O 5 de febreiro ante o Parlamento de Galicia, o Conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, anunciou a elaboración dun Plan da Danza Galega, o que levou ese mesmo mes a un unha primeira reunión de traballo á que asistiron representantes de colectivos, compañías, festivais e espazos escénicos elixidos e convocados pola Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) entre os que estaban representantes da Plataforma de Afectadas polo Centro Coreográfico Galego (PACCG), a mesma que xa despois do confinamento reclamaría da administración un maior apoio á danza nos plans de recuperación. Posteriormente charía, xa no verán a creación da Plataforma Artes do Movemento. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) daba a coñecer este 4 de decembro os nomes das tres montaxes de danza que o Centro Coreográfico Galego coproducirá para o 2021, pero o plan anunciado aínda non está feito.

Sobre a perda de dirección propia en Agadic do Centro Coreográfico Galego, o anuncio dun Plan de Danza Galega, os seus primeiros pasos e a Plataforma Artes do Movemento

Onde houbo lume

No capítulo do audiovisual a nosa cinematografía merece parágrafo propio, malia ter cousas en común coa produción televisiva, ten no 2020 feitos que compre destacar. Se no 2019 non podíamos deixar de sinalar o fenómeno arredor de O que arde, esa lumieira adentrouse tamén no 2020. A película de Óliver Laxe recolleu os galardóns da propia industria galega, que con seis importantes premios recoñecía o valor da súa creación desde as marxes alternativas e a súa achega á internacionalización dun ollar propio con identidade e sen problemas co uso da lingua. Os Premios Goya recoñeceron tamén as virtudes da película galega e dúas das estatuas engrosaron o palmarés e mesmo a longametyraxe mantívose ata a fin entre as candidatas españolas aos Oscar. Pero o relevo de O que arde xa estaba agromando con outras producións que, aínda que non sexa a súa intención, non poden deixar de beneficiarse dos efectos embaixadores dese éxito. Lúa vermella, de Lois Patiño; Nación, de Margarita Ledo ou a recente Ons de Alfonso Zarauza son algunhas das mostras dese cine feito en Galicia e en galego que non ten fronteiras e que xa comezaron o pasado ano a recoller froitos e recoñecementos e, de seguro, seguirán a facelo neste 2021.

Sobre Lúa vermella, Nación e os XVIII Premios Mestre Mateo .

A tormenta perfecta

O impacto sobre o sector cultural da situación pandémica con todas as súas consecuencias foi o de "tormenta perfecta". Nun sector con tantas precariedades, temporalidades e inestabilidade a chegada dunha catástrofe tan prolongada e cun parón de actividade e restricións tan severas as consecuencias foron tremendas. Para entendelas mellor máis alá das evidentes e xustificadas lamentacións e protestas foi necesario un grande esforzo de recompilación de información e datos. Algunhas asociacións levaron a cabo enquisas e traballos para retratar correctamente o momento que a cultura estaba a vivir. O observatorio da Cultura, do Consello da Cultura Galega, fixo un enorme esforzo emitindo informes que quedou reflectido en noticias e reportaxes ao longo dos pasados meses. Informes de conxuntura, enquisas, análises estatísticas e diversos documentos de traballo deixaron ver ao longo do ano claramente o impacto real na cultura desta crise sanitaria.
A coxuntura estatística de outubro, e o sector da música popular perante a crise da COVID-19.


A fin do proceso de Meirás

A entrega ao Estado do Pazo de Meirás, no final do ano, supuxo o colofón dun intenso proceso xudicial e social para arredor deste monumento. Poucas veces a recuperación dun ben patrimonial para o público estivo presente dun xeito tan amplo na axenda mediática e política do país. As sucesivas fases da reclamación e da entrega foron seguidas con grande interese e remataron a deixar pendente o futuro uso deste complexo. As visións contrapostas entre o goberno autonómico por unha banda e as administracións local, provincial e central pola outra obrigan a unha reflexión sobre a memoria colectiva e o xeito no que se inserirá no antigo espazo de recreo dos Franco. O éxito (pendente de recurso xudicial) desta iniciativa fortaleceu ademais os procesos paralelos para recuperar as estatuas de Abraham e Isaac e a Casa Cornide, con estudos e iniciativas que prometen un 2021 no que os bens culturais en mans da familia do ditador continuarán a encher as novas.

Consulta a nova coa resolución xudicial.

Homenaxes truncadas, homenaxes parciais

Un tour de force de homenaxes concentradas no outono foi o resultado da pausa imposta pola pandemia. Propostas virtuais, programas enmagrecidos e superposición de actividades deron nunha concentración de actos nos últimos meses do ano que desdebuxou en certa medida os programas individuais previstos para se desenvolver ao longo de todo 2020. A simultaneidade das grandes mostras e actividades dedicadas á Xeración Nós e Díaz Pardo na Cidade da Cultura, coincidentes para mais co groso das propostas institucionais e académicas arredor de Carballo Calero, tiraron brillo mutuo ás diferentes homenaxes e deixaron certo ar de premura e de precariedade. O adiamento ao vindeiro ano de boa parte dos actos previstos para lembrar a Ricardo Portela e ao arquitecto Domingo de Andrade alixeiraron a axenda memorialística de 2020, e amosaron unha vía que non serviu de exemplo para a prolongación do Día das Letras, malia ás voces a prol desta solución.

A nosa reportaxe sobre o balance do ano Carballo Calero.

Políticas culturais sobre a pandemia.

O brutal choque económico que supuxo a suspensión de actividades por mor da pandemia situou neste 2020 as políticas culturais públicas en primeira liña. E con elas, o debate sobre a súa eficacia, temporalización ou axeitamento ás necesidades do sector. Co fondo común da aposta pola contratación pública, desde a Xunta apostouse reorientación de fondos e o mantemento do vencello entre Cultura e Turismo, integrados nun mesmo plan de reactivación. Desde a Deputación de Pontevedra apostouse por facilitar edicións adaptadas de diferentes eventos, mentres no Concello da Coruña destacou a aposta por cheques para activar o consumo cultural. Canda a estas entidades, en moitos concellos a virtualización de propostas como o Salón do Libro de Pontevedra ou a retransmisión de espectáculos por todo o país como xeitos de manter programacións contrastaron con múltiplos adiamentos e cancelacións.

O plan de reactivación da Consellería de Cultura.

Alicerces para o teatro

Malia á crise á que se está enfrontar pola suspensión de actividade e a limitación de públicos presenciais, o sector escénico galego sae de 2020 con alicerces reforzados. A celebración do I Congreso do Teatro Galego, posta de longo da Academia Galega de Teatro, amosa a vontade deste ámbito por reflexionar a fondo encol da situación, o seu papel e o futuro que lle agarda. A importante produción teórica que se presentou neste evento, marca unha primeira achega que promete se reforzar en vindeiras xeiras como base para unha reorganización sólida deste espazo creativo. Na mesma liña, o informe que presentou o Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura, promete converterse nun referente en todos os debates sobre a escena do país que se desenvolvan ao longo dos vindeiros anos, ao pór en claro as magnitudes e cifras dunha industria cultural que ata o momento non contaba con ferramentas claras nas que asentar reivindicacións e plans de futuro.

As conferencias e comunicacións do I Congreso Internacional do Teatro Galego. Sobre o Informe presentado polo Observatorio da Cultura.

Premios literarios
Trala colleita de 2019, o 2020 continuou a ser un ano importante para certo recoñecemento da cultura galega no ámbito español. A poeta Olga Novo fíxose co Premio Nacional de Poesía co poemario Feliz idade, editado por Kalandraka, "un relato vitalista que celebra o amor e a existencia máis alá do tempo e relaciona a maternidade e a morte cunha profunda presenza crítica da memoria histórica". A ourensá Alba Cid tamén recibiu outro premio nacional de poesía, pero o específico dos mozos, chamado "Miguel Hernández". Fíxoo coa obra Atlas, publicada por Galaxia. O xurado elixiu esta obra "por constituír unha reflexión sobre como a literatura elabora mapas da realidade e sobre o valor moral que pode ter a literatura como problematización do mundo". E Xavier Senín tamén recibiu o Premio Nacional á Obra dun Tradutor por unha longa e diversa carreira de traducións de moi distintos textos ao galego.

Sobre o premio de Xavier Senín, o de Alba Cid e o de Olga Novo.


10+1: Vinte anos de culturagalega.gal

Nacimos como culturagalega.org e hoxe somos culturagalega.gal. Un cambio de sufixo que de algún xeito, define parte da evolución de Internet, dun espazo sobre todo internacional no que se comezaban a producir determinados contidos fóra das grandes áreas e linguas a un territorio dixital máis complexo, no que hoxe en día a produción en lingua galega e sobre contidos galegos é moito máis significativa, aínda que ben lonxe dunha situación normalizada. Nacimos un 10 de outubro do ano 2000 e nestes vinte anos puidemos ver como Internet se incorporaba como canle de comunicación, de difusión e mesmo de traballo no ámbito da cultura galega. Observamos como as redes permitían facer máis visibles proxectos grandes e pequenos, así como tecer redes horizontais que atravesan fronteiras e océanos. E tamén vimos profundas transformacións na idea de esfera pública, e no contido compartido. As mesmas redes que valen para gañar espazos, tamén funcionan para compartimentar máis o contido: o balance é complexo e debe ser así. Nestes vinte anos, culturagalega.gal ten claro o seu sentido editorial: ser un punto de encontro, con xornalismo de calidade, para preservar unha idea colectiva da cultura galega na que se atopan disciplinas distintas, visións contrapostas e novas tendencias culturais. Unha plataforma na que se atopan os profesionais da cultura cos seus usuarios. E nestas seguiremos.