O obradoiro Traxandaina Traxe Tradicional, de Lugo, gaña o premio Artesanía de Galicia 2020

O ourive compostelán Ricardo Rivas Casal recibe o Premio Traxectoria pola súa carreira profesional

Tesouro Aldeán, peza gañadora de Traxandaina
Tesouro Aldeán, peza gañadora de Traxandaina
Os Premios Artesanía de Galicia 2020 visibilizan un ano máis a mellora continua no labor dos artesáns galego que son unha das vías de preservación do patrimonio cultural e etnográfico. O Premio Artesanía de Galicia, que é a máxima categoría e está dotado con 9.000 euros, recaeu no obradoiro de tecido Traxandaina Traxe Tradicional (Lugo) pola súa obra Tesouro Aldeán, unha capa baseada nunha lensa antiga do traxe galego e seguindo as técnicas de elaboración das costureiras tradicionais. Os obradoiros Laura Delgado Cerámica (Cambre), Santiago Besteiro Design (Monterroso) e Jatafarta (Santiago de Compostela) resultaron finalistas neste apartado dos premios. Por outra banda, o Premio Traxectoria, de carácter honorífico, foi para o ourive Ricardo Rivas Casal (Santiago de Compostela), pola súa destacada traxectoria profesional e divulgativa da ourivería compostelá. Ademais, a Loaira Pérez, do obradoiro Raposiñas. Cerámica feita de vagar (A Pobra do Caramiñal), correspondeulle a Bolsa Eloy Gesto, dotada con 4000 euros que investirá na continuación da súa formación artística e empresarial.

Traxandaina Traxe Tradicional
Antón Sanjurjo e Teresa Astorgano son os responsables de Traxandaina Traxe Tradicional, un obradoiro artesán dedicado á localización, ao estudo e á reprodución do traxe aldeán de garda –da roupa de homes e mulleres que lucían os domingos ou nas feiras ata comezos do século XX– principalmente da provincia de Lugo. O obradoiro naceu co obxectivo de se converter nun referente na conservación da cultura tradicional e do xeito de vestir das zonas do rural e da montaña de Lugo. A peza gañadora Tesouro Aldeán é unha capa contemporánea inspirada nas mantelas ou lensas recollidas na provincia de Lugo, en concreto nunha lensa antiga atopada en Portomarín. O obxectivo é amosar as posibilidades cualitativas e estéticas de determinadas técnicas tradicionais de costura e de decoración aplicadas á vestimenta moderna, mediante a confección dunha prenda de abrigo acorde ás tendencias actuais. A obra gañadora representa, segundo a acta de valoración, as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da artesanía galega, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a boa presentación e a calidade da obra. O xurado por unanimidade destacou o valor de Tesouro Aldeán como unha peza contemporánea cunha manufactura tradicional e unha manifestación contundente do oficio.

Ricardo Rivas, Premio Traxectoria 2020
O Premio Traxectoria, concedido este ano ao ourive Ricardo Rivas Casal (Santiago de Compostela), ten carácter honorífico e trátase dun premio outorgado polo propio sector para recoñecer a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, a contribución á súa posta en valor e promoción, a calidade do seu traballo, así como o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión pedagóxica dos principais valores positivos do sector. A súa candidatura foi proposta pola Asociación Ourives de Compostela. Ricardo Rivas aprendeu o oficio de ourive no obradoiro familiar, na zona vella compostelá, ao tempo que se formou na Escola de Artes e Oficios Artísticos Mestre Mateo. O seu obradoiro é o único que perdura do cento que existían a primeiros do século XX no corazón acibecheiro de Galicia, na rúa da Acibechería de Santiago de Compostela, e o único tamén que aínda permite aprender o oficio máis antigo nesta cidade, posto que compatibiliza o traballo como artesán co seu labor de docente. Membro da Comisión Galega da Artesanía durante 10 anos e membro fundador da Asociación de Ourives de Santiago, no ano 2018 foi agasallado coa Medalla de Prata na Gala de San Eloi, organizada polo Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia e a Federación Galega de Xoieiros.