Algo máis dun ano despois do pasamento de Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932-2019) a Editorial Kalandraka a través do seu selo Faktoría K de Libros ven de presentar unha obra póstuma do autor. Clave de bóveda é un poemario inédito de quen gañou no ano 2013 o Premio Nacional de Poesía xustamente con outra obra editada neste mesmo selo, Os ángulos da brasa(2012), a súa derradeira publicación en vida. A editorial pontevedresa presenta as 112 páxinas desta Clave de bóveda coma un agasallo que lles deixa o seu autor aos amantes da palabra e lembra que a poesía de Álvarez Torneiro é unha poesía contra a memoria dunha infancia rota, contra a fame de soños e de pan, contra os océanos da fatalidade e contra o medo que arrefría o corazón. Medio cento de poemas escritos antes de 2016 conforman esta obra publicada na colección Tambo da editorial pontevedresa na que o autor publicou boa parte da súa obra. A súa traxectoria como poeta inclúe os títulos Rigorosamente humano (1995, Premio Esquío); Luz de facer memoria (1999, Premio González Garcés e Premio da Crítica); Campo segado (2001); Epicentro (2003); Setembro Stradivarius (2004); Parábola do incrédulo (2006) e Os ángulos da brasa publicado en 2012.