Afonso Becerra dirixirá a nova etapa da Revista Galega de Teatro co obxectivo de revitalizala

A remuda á fronte da publicación produciuse de xeito inmediato tras da renuncia de Vanesa Sotelo

Imaxe obtida da páxina web da AELG baixo licenza CC-BY-SA 3.0.Autoría: Santos-Díez (Ollo de Vidro-ACAB)
Imaxe obtida da páxina web da AELG baixo licenza CC-BY-SA 3.0.Autoría: Santos-Díez (Ollo de Vidro-ACAB)
O relevo na dirección da Erregueté – Revista Galega de Teatro chegou desde dentro. Afonso Becerra Arrojo, tamén coñecido na dramaturxia coma Afonso Becerra de Becerreá, que formaba parte do consello de redacción da publicación desde fai 15 anos asumiu o cargo de xeito inmediato tras da renuncia feita pública por Vanesa Sotelo e o subdirector Manuel Xestoso o pasado martes. Co número 100 sacado do prelo estes días a Revista Galega de Teatro entra agora nunha nova etapa na que a propia supervivencia desta publicación de referencia da escena galega está posta en xogo. Tras coñecerse a súa designación Becerra quixo recoñecer nas súas redes sociais o traballo do equipo saínte nos últimos catro anos nos que a revista, segundo el, "deu un salto cualitativo grazas á dedicación e á excelencia da súa directora, Vanesa Sotelo, unha das mellores dramaturgas do noso teatro. E grazas ao seu subdirector, Manuel Xestoso, admirado crítico desde as páxinas do mítico semanario A Nosa Terra". O novo director apunta que a revista non só deberá resistir a crise actual "senón que, ademais, ha saír revitalizada",

Afonso Becerra (Becerreá, 1973), é Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona, titulado superior en Arte Dramática na Escola Superior dÂ’Art Dramàtic do Institut del Teatre de Barcelona, na especialidade de Dirección Escénica e Dramaturxia e titulado en Interpretación polo ITAE de Asturias. Dirixiu a Asociación Cultural A Pipa de Becerreá entre 1988 e 2016. En 2009 fundou, xunto á directora de escena Ana Contreras, a compañía Ónfalo Teatro. Como autor ten escrito varias obras de teatro e ensaios sobre dramaturxia. Pertence ao Consello de Redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro. De 2006 a 2009 formou parte do Consello Asesor do CDG (Centro Dramático Galego). Este ano recibiu o Premio de Honra “Dorotea Bárcena” desta XXXIª edición do Festival do Teatro Galego Celso Parada pola labor académica desenvolvida na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) así coma o seu intenso activismo nas artes escénicas ao longo dos seus 25 anos de carreira no sector. A Revista Galega de Teatro comezou a editarse en 1983 coma Boletín de Información Teatral da Escola Dramática Galega en Vigo, arestora está editada pola Asociación Cultural Entre Bambalinas, de Cangas do Morrazo. Desde principios deste ano reduciu a publicación en papel a dous números ao ano ante a imposibilidade económica de manter maior periodicidade polo recorte de axudas institucionais, segundo a anterior directora comunicaba nun editorial no número 98.