A Fundación Seoane saca a luz as colaboracións realizadas durante o confinamento

A exposición 'Escóitasme?' amosará as que foron as propostas de creadores o os traballos de participantes no Laboratorio en liña

29/9/2020 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: Arte
4 lecturas | Compartido 0 veces

A Fundación Luis Seoane xa expón nas súas salas a exposición Escóitasme?, unha exposición do Laboratorio Seoane, que amosará ao público as propostas dunha serie de creadores e os traballos dos participantes no proxecto didáctico Laboratorio Escoitasme?, que se desenvolveu ao longo de 10 semanas durante o período de confinamento. No momento do peche forzado da institución decidiuse trasladar parte das actividades infantís da Fundación á unha plataforma online, de maneira que a rutina dos usuarios que ata entón adoitaban acudir aos obradoiros presenciais se vise afectada o menos posible. Así naceu Laboratorio Escóitasme?, un proxecto no que tres artistas diferentes propoñían cada semana aos participantes un reto relacionado co seu traballo e co universo creativo de Luis Seoane.
Coa obra do artista galego como fío condutor, a mostra, comisariada polos responsables do proxecto orixinal, Fermín Blanco e Silvia Longueira, recolle na sala principal da planta baixa da Fundación cada un dos retos lanzados polos artistas e os traballos que se elaboraron a partir destes. Ao longo de 52 sesións distribuídas en 10 semanas, elaboráronse un total de 25 retos, 3 eventos e un programa de radio nos que se experimentou co teatro, a pintura, a edición, a antropoloxía, a fotografía, a creación audiovisual ou a poesía, entre outros temas. Baixo a dirección do arquitecto Fermín Blanco e de Silvia Longueira, directora da Fundación Luis Seoane, a nova actividade chegou a contar con máis de trinta participantes e 24 creadores. A exposición poderá visitarse na Fundación Luis Seoane ata o vindeiro 21 de marzo de 2021.

A iniciativa conta ademais coa participación da Fundación María José Jove que incluíu na súa nova programación de visitas didácticas un percorrido especial sobre a obra de Luis Seoane. A visita á Fundación María José Jove permitirá coñecer tres obras orixinais de Luis Seoane: Bodegón- 1969; Mulleres- 1959 e Pulpo y jarra- 1961 cun guión de visita didáctica que falará acerca das linguaxes da arte, as vangardas pictóricas internacionais, españolas e galegas e, finalmente, contextualizará as obras de Seoane dentro dese mapa. A visita está formulada para comezala nunha das fundacións e continuala na outra, cun nexo, que son as obras de Seoane que a Fundación María José Jove ten na súa colección. Ambas institucións editarán, ademais, unha guía didáctica sobre as pezas de Luis Seoane que se reproducirán na presente exposición.
Ligazóns externas

Universo culturagalega.gal

15/12/2008

40 anos de Sargadelos

Xosé Díaz “A exposición pretende comunicarlle á sociedade galega que é o que se está a xogar na deriva actual de Sargadelos”