A forxadora da memoria de Castelao

A correspondencia de Virxinia Pereira revela a complicada constitución do legado do galeguista durante o franquismo

A correspondencia de Virxinia Pereira revela a complicada constitución do legado do galeguista durante o franquismo
Logo da morte de Castelao en xaneiro de 1950, Virxinia Pereira, a súa viúva, ficou devastada. Isto non lle impediu, xa desde o primeiro momento e durante anos, traballar con grande esforzo para a perpetuación da memoria do seu home e reivindicar o seu recoñecemento. Agora, unha biografía de Montse Fajardo e mais un epistolario do Consello da Cultura Galega reivindican o labor dunha figura de grande importancia na configuración do legado do líder galeguista.

Este mes de setembro sae á luz A vida incerta, biografía de Virxinia Pereira que elaborou a investigadora Montse Fajardo. O volume está editado polo Concello de Pontevedra no marco do proxecto A memoria das mulleres e reivindica unha figura que durante moito tempo quedou á sombra de Castelao. A coincidir co lanzamento o Consello da Cultura Galega pon na rede unha trintena de cartas, referenciadas neste libro, que revelan os interiores daquel proceso de configuración da memoria de Castelao como auténtico mito do galeguismo. O epistolario entre Pereira e Valentín Paz Andrade, o seu avogado, amosa o xeito no que a viúva loitou por rehabilitar e manter viva a memoria do seu home e os atrancos que atopou.

Biografía pioneira
"Este é o primeiro texto en profundidade que se fai sobre ela, de feito foi difícil atopar bibliografía, fóra dun primeiro artigo que elaborara Olimpio Arca con moitísimo mérito pola súa banda", explica Fajardo. "Entón é a primeira vez que se estuda a figura de Pereira alén de como muller de Castelao. Defendemos, e así o reflicte o seu epistolario, que Virxinia tiña unhas fondas conviccións antifascistas e galeguistas, e que foi unha grande defensora da cultura e da lingua do país, ao igual que dos dereitos que outorgaba o Estatuto do 36. E isto era unha ideoloxía de seu. Non se pode negar que estivo influída polo pensamento do seu home, e tamén pola xeira que fixeron xuntos durante a guerra por Rusia, Estados Unidos e Cuba. Pero ela asume como propias esas ideas e deféndeas con moitísimo rigor, sen se desviar, tamén cando xa non está el. Ao desaparecer Castelao ela transfórmase na súa voz, faise o medidor de que actuacións son acordes ao que el querería e cales non. Ten conflitos co Centro Galego de Bos Aires por determinados actos que se organizan coa embaixada franquista, retira da tumba de Castelao flores desa embaixada… Foi o guieiro do que era respectuoso coa memoria do seu home e o que non. Foi ela quen lle escribiu a María Casares a defender a lingua, era moito máis do que a abnegada compañeira e enfermeira que sempre nos contaron, que tamén o foi".

As cartas
Encol do epistolario que agora publica o Consello da Cultura, Fajardo explica que "Paz Andrade era o seu avogado, aínda que tiñan relación de amizade, nas cartas falan sobre todo das cousas máis procesuais. Hai momentos nos que se queixa das posturas das súas cuñadas, pero a Virxinia Pereira máis íntima aparece no epistolario con Otero Pedrayo, con quen tiña unha relación máis fonda. Aí vese claramente o que lle parece ben e o que mal, pero con Paz Andrade mídese máis. Nas cartas con Otero hai momentos marabillosos, como cando di que hai dúas Virxinias logo de morrer Castelao, unha máis falsa e comedianta que ten que disimular a súa mágoa e outra que non sabe como vai seguir adiante". As cartas que agora se publican comezan xa o propio mes de xaneiro de 1950, cando Paz Andrade lle envía a Pereira as condolencias polo falecemento do home, ocorrido poucos días antes, e se pon á súa disposición. "He querido, estimadísima Virginia, dejar pasar los primeros días que siguieron a la desgracia que nos conturba a todos, para escribirle. Aunque nada eficaz, para consolarla, pueda decirle, y aunque haya procurado expresar en la esfera del público, el dolor de lo que Galicia ha perdido, los deberes de la fraternidad no se agotan ahí. He de seguir cumpliéndolos que estaban más próximos a su corazón. Creo que este es el mandato que nos legó, aunque no lo haya escrito. Y como toda otra reacción es inútil, hemos de resignarnos a que viva en nosotros lo que con tanta maravillosa fecundidad ha vivido en él, incluso los vínculos más arraigados del afecto personal. Supongo que es prematuro hablar de los propósitos a realizar, en días más o menos próximos. Cualquiera que sea el momento y la prestación que yo pueda rendir, escuso decirle que la tiene en sus manos, con la más sincera y cálida devoción".

Da perda á loita
É un ano despois, no aniversario do falecemento, cando se recolle a primeira carta de Virxinia Pereira neste epistolario. A viúva de Castelao deixa constancia da súa intensa dor e revela xa a determinación por cumprir a vontade do home e levar os seus restos a Galicia "Tamén lles agradezo moi intimamente, como poden supoñer, a súa lembranza na data tristeira do aniversario. A fironte visión do noso calvario estivo acesa, removendo eisi na miña inmensa door os intres sin remedio en que pouco a pouco fun vendo esnaquizarse as nosas millores ilusións as nosas últimas espranzas vividas ainda xuntos, e sobor de todo aquel seu sospiro derradeiro que non esquecerei endexamais pol-o ben espetado que quedou no meu peito. Xa despois...voltei a entregarme docemente a esta arrepiante realidade que non ten trasacordo, i eisi dia tras dia, en espera constante do miragre que me deixe entregarllo a Terra". Pereira é moi consciente da importancia do líder galeguista para o país, e recoñece os artigos que na prensa galega rememoraran a súa figura. "Non se pode dudar de que o sentimento de esa perda foi unánime e bastante sinceira en todos lados, i eu síntome por todo elo satisfecta e moi agradecida mais de ningún modo feliz, como pensa e di algún non con mala intención. Iso... soio con el era logrado", apúntalle a Paz Andrade na mesma misiva. Aínda no 67 Pereira segue os actos do aniversario do pasamento do seu home, e non aforra críticas e comentarios ao xeito no que se conmemora a súa figura, a deixar claro o seu posicionamento político e facer gala da súa sorna. "Chegarás a saber, que este aniversario resultou máis “completo”, val decir, que a nosa xente como de costume, programou os actos da data 7, namentras o Centro Galego rindeulle seu homaxe no domingo día 8. Según opinión xeral, verificouse con altura, e o discurso do Presidente dicen que foi moi bo, plasmando a figura de Castelao, sin faltarlle “ren” menos a parte política que non contou, porque como tí sabes e ahí precisamente, onde a porca toree o rabo... (Confidencialmente, TIVERON QUE AFOCIÑAR...)".


Os vellos en Galicia
Un dos fitos da recuperación da memoria de Castelao no noso país, a representación de Os vellos non deben de namorarse en Compostela a cargo do grupo de teatro de Cantigas e Agarimos o 25 de xullo de 1961, non resultou totalmente do agrado de Virxinia, que lamentaba non ter sido consultada sobre o proxecto. "Moitas gracias ante todo, por sere vostede o primeiro que me pasou a noticia de haberse representado na nosa querida Galiza a obra de Os vellos non deben namorarse aínda que, despois, chegáronme varais cartas confirmando, e coincidindo n-un todo, co seu modo de ver e interpretar a obra. A min, nada se me consultou, porque de habelo feito farialles saber, que, si o propio Castelao contando con persoal axeitado e dirixido por el mesmo, non quedara de todo satisfeito por falla de outros elementos tal como esceario xiratorio etc., paréceme que o aviso sería de abondo, para que o pesnaran mellor denantes de presentala ao noso púbrico, sin contar con todo o necesario que a obra en si requería. As caretas, que era o primordial da obra. Pero como non se consola o que non quer, diremos que a cousa quedou un pouco compensada si se ten en conta que se dou a coñecer na propia TERRA, onde, pese a todo e a todos, o nome do noso Castelao como vostede dice moi ben, sigue movendo moitedumes, e a súa groria mantense firme e lumiosa. Gracias pois amigo Valentín, pol-o seu intres en darme de inmediato tan grata noticia". Segundo apunta Fajardo, "aínda que non lle gustou como se fixo, tamén agradeceu o que supuxo de homenaxe ao seu home. En xeral alegráballe ver que o lembraban, e calquera cousas que se fixesen en homenaxe tamén lle emocionaban".

A influencia de Pereira
O caso revela como, malia a súa importancia, a influencia de Pereira sobre o galeguismo da época foi desigual. "Hai que diferenciar o galeguismo no país, marcado polo piñeirismo, e mais aquel que se mantiña na diáspora", explica Fajardo. "Para o grupo de Bos Aires, con persoeiros como Prada e Puente, Virxinia era un referente. Outra cousa era o galeguismo do interior. Para alén das discrepancias de Castelao co piñeirismo, ela mesma defendía que non se podía limitar a loita galeguista a unha cuestión cultural e que era un tema claramente político, tal e como sostiña o seu home". Ademais, "era unha situación determinada, nuns anos nos que a palabra da muller ás veces tiña o valor que tiña. Pero sobre todo no exilio bonaerense tiñan en conta o que ela opinaba. En Galicia houbo xente como Álvaro Gil e Filgueira Valverde que tiveron moi en conta o que ela dicía".

O legado artístico
Precisamente estes dous persoeiros foron receptivos á vontade de Pereira no que sería unha loita fundamental para a conservación da memoria de Castelao no país: a doazón da súa obra artística ao Museo de Pontevedra, tal e como el mesmo desexaba. "A súa determinación e a súa postura foron claves para que todo o legado artístico quedase en Pontevedra", recoñece Fajardo. As voltas que deu este proceso, aínda que mencionadas, non están detalladas na correspondencia do Consello da Cultura. "A súa obra artística, ten que ser salvada e respetada. A derradeira disposición do seu autor, reclama que pase a ser PATRIMONIO DA SÚA ADOURADA GALIZA e ista disposición hai que acatala e cumplila hasta por enrriba da misma lei. Vexan pois por favor, o modo de acadar as cousas que anden espalladas e depositalas no Museo onde xa está unha boa parte dos seus traballiños. Probe o meu Daniel. Vostede pode estar ben seguro de que íl a de agradecerlle con fervor tantas molestias e atencións e pol-a miña parte non podo máis que decirlle, gracias meu bo amigo moitas gracias", sinalaba a viúva en 1951. E é que este material fixo parte da complicada situación xurídica na que a herdanza do rianxeiro estivo durante anos. "Quero contestar axiña no referente ao asunto dos bens de Daniel (q.e.p.d.), pois maxino a ansiedade de Vde. Como xa sabe había orde de os subastar, por consecuencia do expediente de responsabilidades políticas. Consigueuse que o Xuzgado informara a Madrid no senso de que non tiña valor apreciabre, dado o tempo transcurrido e o armacenamento en ruins condicións. Entón desistiron, mais adxudicándose ao Museo de Pontevedra os cadros alí depositados, cuios resguardos obran en poder de Clemencia. Así resulta d-un edicto pubricado no Boletín Oficial da provincia. Non puiden falar con Filgueira d-este aspecto do asunto, a pesar de tental-o varias veces, mais teño entendido que fixo manifestacións de que se trataba d-unha adxudicación simbólica, e que sempre estarían as obras en dispor de quen tuvera dereito a elas. Agardando topal-o un día en Pontevedra e comunicar denantes a Vde. o resultado da conserva, de acordo con Clemencia, abstúveme pol-o d-agora de facer uso do poder, pra recramar en terceria a metade da obra que fixo durante o matrimonio, pois pertenece legalmente a Vde", apunta Paz Andrade nese mesmo ano, a dar conta duns proceso que aínda tardaría en finalizar.

A lea
Grande parte dos textos que agora publica o Consello da Cultura poñen en evidencia a problemática situación na que estaba a herdanza do líder galeguista. Co fillo morto, Virxinia Pereira quedaba como usufrutuaria dos bens, pero as irmás de Castelao eran as lexítimas herdeiras dos mesmos, e como tales tentaron en diferentes ocasións facer valer os seus dereitos sobre este patrimonio. Ademais, a multa de 75.000 pesetas que as autoridades franquistas lle impuxeran ao político e o subseguinte embargo dos bens familiares, impediron que tanto unha como as outras dispuxesen dos mesmos. O demorado litixio a reclamar os dereitos de Pereira, libre de multas, sobre este patrimonio e mais o conflito coas cuñadas teñen unha continua presenza nestas cartas. "Miñas cuñadas e mais eu, levamos no íntimo das nosas concencias, o TESTAMENTO MORAL que nos deixou o noso incomparable Castelao. Declara él, que de conformidade conmigo, facía renuncia a herdanza que lle correspondera dos seus finados pais (E.P.D) cedéndolla voluntariamente as súas irmáns, pra que estas en adiante souperan respetar a recoñecer os meus dereitos únicos sober de canto poseiamos en común íl e mais eu. Violalos, nin tan siquera discutilos, sería tanto como traizoar os seus propios sentimentos e a súa vountade, i este francamente non podo esperalo de elas, que ademais en certo modo son moralmente responsables de que seu irmán (facendo confianza en elas), non sentira agoiros apremiantes por formalizar unha cousa que contaba xa segura. Vostede amigo Valentín, ten un poder meu, y eu conto coa grande confianza que vostede me inspira, pregándolle moi encarecidamente que me tome este asunto nas súas mans. Ogallá que co pensamento posto no benquerido Castelao, se dispoñan como espero, a cumplir diña e moralmente co seu deber", declara así Virxina Pereira en 1951 unhas esperanzas que, no entanto, non se verificarían, con diferentes complicacións arredor deste legado ao longo dos anos. Como exemplo, no 64, recoñece que "sei con certa pena, que as miñas cuñadas andan outra vez á facer barullo sin ter razón nin dereito a se meter nas miñas cousas. Eu estou tranquila respetando o que teño que respetar, i e por iso que non me meto na súa vida. É unha lástima que se dexian levar de malos consellos, esquecendo o que non deben esquecer".

A subsistencia
Vencellada a este litixio, a precariedade económica revélase como unha das grandes preocupacións da viúva "Vostede sabe de abondo amigo Valentín, que aquel meu inmenso Danieliño non foi endexamais “axeitado”para ser dono de moitos cartos por que non lle interesaban, de modo que o único que alí temos, é un pequeno fondo, froito do traballo honrado que nos deixara o noso benquerido pai, e que o tíñamos como unha reserva pra un posible apuro na nosa vellez", sinala xa en 1951. Unha conta radicada en España, de arredor de 12.000 pesetas da época, aparece como o principal fondo con que contaba Pereira. Na correspondencia danse múltiplas referencias a esta última, a solicitarlle a Paz Andrade que empregue algúns deses cartos para renovar a concesión da tumba do fillo en Pontevedra, para lle enviar a familiares e para lle remitir á propia Virxinia. "prégolle por favor amigo Valentín, que con tempo precure arranxar o resto dos cartos que teño na miña conta corrente no Banco, mandándome por Sebastián isa cantidade que preciso moito para equilibrar o presuposto dos gastos, cada vez máis escandalosamente altos", reclama en 1961. Segundo apunta Fajardo, "o libro titúlase A vida incerta porque todos os plans de Virxinia van mudando ao decidir Castelao mantense tan firme nas súas conviccións, leal ao goberno republicano, sen querer un céntimo dos cartos que había para o exilio. Que é unha posición admirable pero complicoulles moito o día a día e foi determinando a vida dos dous".

Reedición
Nas últimas entregas deste epistolario, a continuar ese proceso de recuperación da memoria, aparecen as negociacións con Alianza Editorial para unha edición en castelán de Os dous de sempre xunto coas Cousas, que vería a luz en 1967, a coincidir cun novo lanzamento da novela na nosa lingua por parte de Galaxia. "Envíoche ese contrato que acabo de recibir con un duplicado que queda no meu poder, pregándoche encarecidamente me fagas o favor de tomarte a molestia de votarlle unha “olleada” e saber eisí si está ou non axeitada a tua conformidade. Como a cuartela onde figuran as enmendas rubricadas por ti non ma mandaron, eu entonces non podo expoñerme a recoñecer un contrato que non veña controlado e avalado por ti. Paréceme que esto é xusto. Si ese que incluio e vai xa firmado por mín como veras, merece a túa aprobación, pídoche o grande favor de que o remitas a seguinte direución: Sr. Don José Ortega, Alianza Editorial S.A. Padilla 22 derecha Madrid (9) Moitisimas gracias Valentín". Se ben Pereira lamenta que a editora non estivese á altura da súa proposta inicial. "Confidencialmente debo decirche, que dende os comezos de estas xestións e sempre firme nos mesmos conceutos, o amigo Míguez faloume de unha entrega de 30.000 peseetas cuia suma se me faría efeutiva no intre mesmo de dar eu a miña conformidad sobor do contrato, e percibir un dez por cento das ventas, cousas ambas que están trabucadas (no seu beneficio por supuesto), pero que como eu preciso vivir... pois terei que pechar os ollos e...dar marcha adiante. ¿Comprendes? Estas cousas debéronse resolver en Madrid porque tempo tivemos de abondo, pero velahí como o Bolo amasouse alá, i eiquí cangamos coas consecuencias…"

Exiliada
Para alén do seu labor como custodia da memoria de Castelao, Pereira sufriu tamén en carne propia a condición de exiliada, e na súa correspondencia deixa ver a dor de estar lonxe da terra. En 1964, logo dunha visita, narra o sufrimento da partida. "Non pode negarche amigo Valentín, que foi un intre extremadamente crú, o ter que deixar de novo a TERRA, o fillo inesquecente, familiares e vellos amigos. Despois de unha ausencia de tantos anos como caeron enriba d-un, a laboura de refacer o ánimo pra superar o alcance de isa despedida que pode ser a derradeira, non é demasiado fácil, como tampouco a door d-un día, cando se volva a soedade despois de gostar de novo a quentura familiar… A xenerosidade de istes impagables amigos que ti coñeces ben, poñen a meu alcance toda a súa bondade para que eu me sinta feliz, pero aínda eisí, e queréndolle tanto a este Bos Aires que me dou tantas satisfaccións e doores arreo, meu corazón e meu espritu están na GALIZA que el tanto amou, vivindo de cote co corazón apretado…".

Unha nova Virxinia
Logo deste traballo de investigación, Fajardo recoñece que mudou a súa idea sobre a protagonista. "Tiña a percepción, un pouco como todo o mundo, de que era unha miñaxoia, unha rapaza rica da Estrada, compañeira de Castelao pero que non facía nada. Cando descobres o seu epistolario, sobre todo o de Otero, atopas unha Virxinia na que destaca o seu fondo antifascismo. Chámalle á rojigualda ‘bandeira de pus e sangue’, amosa unha belixerancia que eu descoñecía. A estudar a súa vida descubrín tamén un Castelao diferente". Deste xeito, a publicación deste epistolario e mais da biografía de Fajardo revelan o esforzo e os problemas que Pereira tivo que enfrontar para facer valer a memoria do home ata o seu propio falecemento en 1969, e reivindican unha muller que pasou tempo de máis á sombra do seu celebérrimo marido.