O Plan de Dinamización Cultural da Coruña apoia a realización de medio cento de proxectos

Todos terán que ser de balde, para público xeral e levarse a cabo no concello herculino

Todos terán que ser de balde, para público xeral e levarse a cabo no concello herculino
Arredor de 50 proxectos culturais terán lugar na cidade da Coruña co apoio do Plan de Dinamización Cultural impulsado polo Concello a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE). Ven de facerse pública a relación destes proxectos seleccionados que teñen coma requisitos comúns estar destinados ao público en xeral, ser de carácter gratuíto e desenvolverse integramente no termo municipal. No listado aparecen multitude de actividades musicais, concertos, pero tamén hai espazo para outros espectáculos de circo, teatro, charlas, cine, arte, recitais, etc. Entre os destinatarios poden verse nomes coñecidos de creadores e axentes do sector cultural da cidade coma Yolanda Castaño ou o xornalista Javier Becerra ademais de varias empresas culturais. O plan conta cun orzamento de 200.000 euros e cada proxecto pode recibir un máximo de 6.000 euros. O Plan de Dinamización Cultural do Concello da Coruña dá así os seus primeiros froitos mentres que aínda non se sabe nada do Plan estratéxico que o Concello de Santiago estaba a preparar en abril para o sector cultural local.