Nós Televisión e o Club de Debate recibirán os Premios Rosalía de Castro de Normalización

A Deputación da Coruña fallou a XI xeira destes galardóns dotados con 3.000 euros

| Santiago. Redacción | Seccións: Comunicación
Compartir:
Nós Televisión e o Club de Debate recibirán os Premios Rosalía de Castro de Normalización

Ser "a única canle en lingua galega xurdida da iniciativa privada, que hoxe xa chega un número mportante de fogares" valeulle á cadea Nós Televisión facerse co XI Premio Rosalía de Castro de Normalización que entrega a Deputación da Coruña, segundo recolle o fallo destes galardóns, que se fixo público na mañá deste seis de xullo. Ademais deste medio, o xurado recoñeceu na categoría de "colectivo, entidade ou asociación que realiza un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade" o traballo do Club de Debate, representado polo Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega. Esta proposta leva "favorecendo durante unha década o emprego da lingua galega entre a mocidade, especialmente os usos orais en contextos formais e informais". Cada unha das iniciativas recibirá 3.000 euros en metálico.

Sobre o traballo de Nós TV, a acta do xurado destaca "as súas posibilidades de continuar medrando e consolidándose, así como o feito de permanecer atenta e aberta para lles dar voz e espazo a multitude de colectivos, plataformas e movementos que a través da súa grella poden chegar a outros públicos e ver así aumentada a súa difusión". Encol do Club de Debate sinala os seus méritos "por potenciar a lucidez comunicativa ligada á oratoria, por promover o pensamento crítico e analítico, á vez que o traballo en equipo, por fomentar a diversidade de opinións e a tolerancia fronte a diferentes cuestións e crear espazos e contextos para a socialización en galego, entre outras, e tamén por ser o resultado dun traballo conxunto entre profesionais de distintos ámbitos".

O xurado destes galardóns que promove a área de Normalización da Deputación da Coruña estivo formado polo técnico de normalización da Universidade da Coruña, Xesús Manquel Mosquera Carregal, a técnica do Concello da Coruña, Julia Rigueiro, os gañadores da anterior edición Pilar Ponte e Eduardo Rolland, e mais a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño Filgueira e a técnica da Deputación, Dores Sánchez Alegre como secretaria.

Que che parece esta nova?
94 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Lingua galega, Rosalía de Castro, Deputación da Coruña, Eduardo Rolland...