
A nivel escénico a atípica situación non terá impacto na obra que se estrea. Crónica dunha heterosexual insatisfeita é unha creación de María Ángeles Iglesias, na que ela mesma é a única intérprete sobre ás táboas. A proposta xira arredor dunha muller común, que ante o avance da idade decide facer cambios contra a parálise vital e as normas. Decide, entón, concretar unha fantasía e convidar ao público para que sexan testemuñas do seu gran momento. Esta obra convídanos a reflexionar sobre normas ou parámetros pre-establecidos que facemos propios sen pensar se hai unha opción diferente que teña máis que ver con nós mesmas. Aborda temas como a sexualidade, a parella, os soños e as frustracións, os desexos e as fantasías dunha muller que se anima a probar algo diferente, a "ser" da maneira máis completa e diversa posible reivindicando o seu dereito ao pracer. En tanto creación artística, a intención é poñer luz sobre iso que está oculto, conmover e xerar espazos para a reflexión coa contundente ferramenta do humor. A rotura da "cuarta parede" é unha das características deste espectáculo que ademais estará complementado coa exposición SuperheroinaS de cinco obras de artistas plásticas no espazo de ambigú. Nun exercicio de sororidade mutuo entre a dramaturga e as artistas, as ilustradoras Xoana Almar (Cestola na Cachola), Rebe Cierto, Alejandra Lorenzo, Cristina G. Cao e Raquel Germade crearon cadansúa obra inspiradas pola propia obra. As representacións terán lugar o día 4 de xullo ás 20:30 horas e o 5 de xullo ás 19:00.