Actuación de Alba María na Semana do Libro de Compostela. Fotografía de Eutropio Rodríguez
É un dos nomes fundamentais para entender o panorama actual da improvisación oral en Galicia. Regueifeira profesional, investigadora, formadora, renovadora... Alba María toca practicamente todos os paus e ten relación con todo o que se está a facer no ámbito. Da súa man coñecemos desde dentro a situación da regueifa no país.
En canto a axentes, a nivel cronolóxico, a Asociación ORAL comezou o traballo de recuperación, con obradoiros nos que eu mesma, como nena neofalante de Vigo, aprendín a regueifar. Logo desde aCentral Folque, onde traballei, Ramón Pinheiro fixo o libro de Repente Galego. Foi a partir deste centro que eu comecei a facer as miñas actuacións de improvisación pagadas e a cotizar, no réxime de Artistas e Toureiros, por improvisar. Entón aCentral en certa medida profesionaliza esta actividade, aínda que no pasado houbo tamén colectivos e persoas que procuraran xeitos para facturar por regueifar. Despois está a Regueifesta como proxecto educativo, que en certo xeito acabou sendo o brazo educativo da ORAL. Resulta moi importante, porque iniciou a expansión social e a visibilidade que obtivo a regueifa nos últimos seis ou sete anos. Aí comezan a aparecer centos de entradas en Internet sobre a cuestión que antes non estaban. Fíxose presente, a xente foi sabendo mellor o que é e comezou a se empregar máis como recurso educativo. Mesmo nas oposicións de educación vese que moito profesorado introduciu a regueifa como metodoloxía nas súas programacións didácticas. E logo, a partir de Regueifesta, Séchu Sende e Manolo Maseda creou a primeira materia escolar sobre o tema, de libre configuración. Penso que eses foron os tres grandes eixes desta mudanza. CG- ¿Por que pensas que as mulleres están a gañar peso no panorama da improvisación oral galega? AM-Penso que está vinculado ao auxe xeral do feminismo dos últimos anos. Do mesmo xeito que antes os improvisadores tiñan inculcados certos valores, ou podían asumilos para a escena aínda que non os tivesen integrados na súa vida. Desde o momento no que homes e mulleres asumen o feminismo na súa vida, socialízano, divúlgano e emprégano como elemento educativo, prodúcese un cambio radical. Se ben esta postmodernidade pode ser um momento de moita codia e pouco miolo, penso que o feminismo se voltou miolo entre o colectivo de improvisadores. Activámolo e facémolo visible. Aínda que a nivel profesional agora mesmo só nos dedicamos a isto Lupe Blanco e mais eu, o máis importante é o movemento social de educadoras ou traballadodras que regueifan e asumiron o feminismo na regueifa. Aínda que houbo homes que tamén introduciron cousas novas, somos as mulleres as principais portadoras destes novos discursos. Tamén desde os movementos sociais con perspectiva feminista ou desde as institucións se nos deu máis visibilidade e reclámanse mulleres que fagan improvisación."Regueifesta iniciou a expansión social e a visibilidade que obtivo a regueifa nos últimos seis ou sete anos".
CG- ¿A renovación está a se dar tamén no aspecto formal? ¿Fanse regueifas de diferente maneira? AM-Na actualidade a nivel formal a maior parte da xente que improvisa empregamos melodías tradicionais. Pero van aparecendo innovacións. Lupe e mais eu fixemos unha regueifa coa melodía de Malamente, de Rosalía, e probamos cousas con melodías actuais. Tamén con Auarora a Rabela estou a tentar aprender a rapear e vincular a regueifa coa spoken word. Teño feito tamén improvisacións sen cantar, con base en melodías medievais. Agora mesmo estou a improvisar as propias melodías, o que xa non sería propiamente regueifa. Hai moitas cousas por aí, pero aínda son incursións concretas. Durante o confinamento probei a impartir un curso en liña, somos como quince persoas. Grazas isto explorei novas formas e saíu unha chea de cousas. Algo que estou a facer moito é improvisar elementos narrativos e tamén ensino a improvisar historias, vinculadas aos romances. A regueifa nunca foi especialmente narrativa, sempre foi un xénero máis retórico, aínda que no brindo si existía algo máis de narración. Tamén estou indo polo rap e a improvisación da melodía mentres se canta. Algo que se perdeu bastante foi esas variacións naturai das melodías tradicionais, que hoxe considéranse erros cando antes cadaquén cantaba do seu xeito. Mesmo hai estudosos que din que esas variacións servían para acompañar a letra doutros xeitos, e gústame experimentar con iso. CG- ¿Como é vivir profesionalmente da regueifa nos nosos días? AM- Hai demanda de regueifas tradicionais, nas que eu non son a mellor. Son máis urbana e non é a miña especialidade. Así e todo chámanme para espazos vencellados ao tradicional como o festival Estouciñando ou para o Luar, ás veces da man de compañeiras e compañeiros que me chaman para participar de contrincante. Cando me chaman directamente adoita ser para actos cerrados, para facer algunhas cancións, romances improvisados ou un concerto completo improvisado... agora fago moita regueifa con guitarra eléctrica. Aínda que teño estado, como outras regueifeiras, en salas grandes, polo xeral trabállase en salas pequenas. Tamén se están abrir espazos en festivais de poesía, como Poetas Din(n)versos, nos que se nos inclúe como poesía oral. Ou en librarías, onde teño feito improvisación sobre libros, a partir dos títulos ou palabras que atopo ao azar arredor. Precisamente estou a pensar sobre isto ultimamente. En Euskadi hai a figura da poñedora que propón temas e situacións sobre os que improvisar. Ás veces atópaste en contextos como un teatro nos que custa atopar estímulos para comezar a improvisar, e doume conta de que demando ese tipo de cousas."A maior parte da xente que improvisa empregamos melodías tradicionais. Pero van aparecendo innovacións".
CG- ¿Pensas que a rede influíu na expansión da regueifa? AM- Antes do confinamento había cousas pero non tanto como agora. Estaba o concurso Enreguéifate, ou a gala Lgx15, que sempre incluían alguén a regueifar. A raíz desta situación algúns compañeiros comezamos a facer obradoiros en liña, que permiten que persoas de lugares como Islandia ou Euskadi estean a aprender regueifa con persoas de Teo ou do Bierzo. Isto fai que se divulgue moito e que se intercambie moitísima información sobre diferentes formas de improvisación. CG- Como ves a improvisación galega de cara ao futuro? AM- Penso que lle queda saír da copla, comezar a compoñer novas melodías e mesturarnos máis. Este presente caracterízase pola mestura, e estaría ben achegarse ao rap. E logo cómpre que haxa máis persoas, tanto enriba como diante do escenario, que vivan o feminismo a facer regueifa, que é algo que aínda non está tan visible nin tan presente."Á improvisación oral galega penso que lle queda saír da copla, comezar a compoñer novas melodías e mesturarnos máis".







