A Galicia que improvisa

A creación dun Centro de Interpretación da Oralidade dá pulos á transmisión da regueifa

CERTAME DE IMPROVISACIÓN ORAL 2011. Organiza AAVV Valadares
CERTAME DE IMPROVISACIÓN ORAL 2011. Organiza AAVV Valadares
Vigo está na vangarda no que á atención á improvisación oral se refire. Á xa longa traxectoria da Asociación Oral de Valadares súmase agora o Centro de Interpretación da Oralidade que se acaba de pór en marcha por iniciativa municipal. Dúas luces nun panorama que, aínda que sombrío, amosan as posibilidades de que este patrimonio teña futuro.

O pasado dous de outubro comezaba a funcionar en Vigo o Centro da Interpretación da Oralidade. O proxecto, que reparte a súa actividade entre o Instituto Municipal de Educación e mais o centro Emilio Pardo Bazán, supón unha aposta pioneira polo traballo con este patrimonio. Coa formación como bandeira, o novo espazo pretende “conservar e transmitir esta tradición, ao tempo que se crean novos valores. Contamos cun plan de formación e un profesorado cos seus obxectivos e actividades”, explica Isaura Abelairas, concelleira de Normalización Lingüística. A proposta, advirte “non se limita só aos regueifeiros tradicionais, tamén queremos incorporar o rap”. Ademais de transmitir, o novo proxecto desenvolve tamén un importante labor de recuperación. “Trabállase coas parroquias, as comunidades de montes ou as asociacións de veciños, con propostas como Tesouros de Acó, que conectan a xente máis nova cos maiores”.

Funcionamento
Polo momento, acollida do centro está a ser moi positiva. Segundo Abelairas “está a nos sorprender a aceptación que ten”. As clases de improvisación e de narración oral, con quince alumnos cada unha, están chegas e contan mesmo con persoas que veñen de fóra de Vigo a se iniciar nestas artes. Obradoiros e contos dirixidos a pais, torneos de poetas ou teatro lido son algunhas das propostas que se desenvolverán nos vindeiros meses. A estas sumaranse outras como os seráns ou vermús con regueifeiros “cos que queremos recuperar diferentes espazos da cidade para estas manifestacións”.

Precedentes
A iniciativa non xorde da nada, senón que, como lembra Isaura Abelairas, “en Vigo hai moito traballo previo arredor desta cuestión”. Obradoiros, competicións escolares e actividades de recollida sobre lendas, oralidade, contos ou toponimia son algunhas das propostas sobre esta cuestión que se desenvolven desde hai xa varios anos da man do Concello e de diferentes colectivos. O principal deles é a Asociación Oral de Galiza, situada en Valdares. Este colectivo leva xa preto de tres lustros a traballar “na conservación das tradicións populares improvisadas de carácter oral”. O seu presidente, Carlos Alonso recoñece a importancia do proxecto que agora abre. “A ver son capaces de lle dar movemento” e apunta que “seguramente influíu o traballo da asociación na recuperación de material tradicional e na metodoloxía para ensinar que temos desenvolvido, existe xa un material pedagóxico que pode apoiar as clases”.

Improvisar na escola
Precisamente levar a regueifa e a improvisación aos centros de ensino é unha das liñas de traballo fundamentais para este colectivo. “Hai profesores que se interesan e fan por levar obradoiros de regueifas ás clases”. Con esta actividade, desde a asociación tentamos pór en valor cousas propias da poesía que se atopan na improvisación. Aínda que aquí predomina a vertete satírica e retranqueira, noutros lugares, como en Cuba ou no sur da Península, moita xente considérase poetas do momento e abordan outro tipo de composicións”. Non se busca sacar regueifeiros dos colexios, pero si que coñezan o tema e poidan afondar máis”. Así, neste ámbito, Alonso apunta que “a improvisación ten moitos valores. É unha conexión entre a poesía e o teatro, obrígache a te pór no sitio do outro e artellar un discurso. Non se trata só de dous tipos da aldea póndose a caldo, aínda que tamén é iso”.

Documentación e encontro
Para alén do traballo nos centros de ensino, o colectivo promoveu a realización dun exhaustivo estudo, a cargo de Ramom Pinheiro Almuínha, sobre a improvisación en Galicia. “Está feito pero pendente de publicar porque non contamos con fondos”. Tamén “estamos a conformar un arquivo documental sobre a cuestión” e realizaron unha Metodoloxía Didáctica da Improvisación en Verso da man de Marina Porto Crespo. No entanto, o que acada unha maior proxección pública é o Certame Internacional de Improvisación Oral que organiza o Centro Veciñal e Cultural de Valladares, no que colabora esta organización, e que chega este ano á súa XVI edición. “O encontro tenta fuxir da idea de que falamos de algo que chegou ata aquí e que desaparecerá cos seus transmisores. Queremos transmitir que hai que respectar o saber do s maiores e continuar o que trouxeron. Tamén tentamos que se vexa o que se fai noutros lugares”.

Luces e sombras
Malia á esperanza que supón a apertura do novo centro e do espazo público que están a conquistar estas formas, Alonso recoñece que o panorama para esta tradición é cando menos turbio. “Nos núcleos tradicionais onde quedou a improvisación, como O Ribeira da Louzarela no Courel falamos de xente que ten xa moita idade. En Bergantiños hai tres, aínda que existe xente máis nova que ten a habilidade pero que non se sente segura como para subir a un escenario e botar coplas en público. Hai algunha xente, pero é pouca”. Fronte a isto, “Vemos que se está a mover, e hai xente que se incorpora”. A existencia de nomes que se van facendo coñecidos na sociedade outórgalle a estas formas un estatus do que antes carecían. “Está Luís O Caruncho, Bieito Lobariñas, Pinto de Herbón ou Josinho da Teixeira. Luar tamén lle dedicou algo de tempo, e co traballo nos colexios vese que se espalla algo o tema”. Ademais, van xurdindo novos ámbitos para a improvisación. “Hai xente que está a contratar regueifas para as vodas, que é tamén un xeito de as devolver á festa na que tiveron orixe, e existen festas que contan con regueifeiros”. Canda a estes non se pode esquecer o traballo dos transmisores deste legado. É o caso dos regueifeiros de Bergantiños, que foron recoñecidos este mesmo ano co Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña.

Evolucións
As formas da improvisación, segundo detectan desde Oral, non están estáticas, senón que é un ámbito no que se están a producir mudanzas. “Hai xente que traballa liñas de cooperación co teatro improvisado, e hai que explorar os vencellos máis estables e visible co mundo do rap”. De feito, é neste estilo, e nos seus combates verbais improvisados entre dous contendentes onde atopamos o equivalente moderno ás nosas regueifas tradicionais. Na asociación non se fechan nin moito menos ás innovacións. “Isto non é alleo ás novas tecnoloxías. Podes chatear e enviar mensaxes en verso”, un ámbito no que xa están a traballar. Ademais advirte das posibilidades de que “aínda que aquí se teña practicado tradicionalmente na súa vertente satírica, pode haber xente que queira improvisar nunha lingua máis requintada ou con máis sentido poético”. Canda a isto, sinala que “algúns dos regueifeiros novos veñen da música, e entón ás veces inclúen instrumentos a acompañar, que é algo que non se facía. Tamén fan piques entre varios, cando o normal era que fosen entre dous”, explica Alonso. Nese sentido apunta que o xénero “vai evolucionando, pero ao haber moi poucos practicantes vai moi a modo, cómpre máis xente para que se mova máis”.

Futuro
Como desafío, para Alonso está “potenciar a regueifa como un espectáculo máis, como outra modalidade artística que se pode levar a festas, a teatro e aos bares”. De cara a conseguir unha aceptación máis xeral deste patrimonio, a asociación reclama “un pouco máis de implicación por parte de institucións que se supón teñen que velar pola nosa cultura. Moitas veces nin cómpren cartos, só amosar que teñen interese”, advirte. Abelairas pola súa banda, considera desexable que o centro “se converta nun referente a nivel galego”, e advirte que proxectos como este “poden desenvolverse en calquera lugar de Galicia”.
Programa do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo.