
¿Cal é a resposta que estades a atopar por parte dos axentes culturais da cidade? tanto en xeral coma por áreas de traballo.
O Censo tivo moi boa acollida, día a día vai medrando máis e máis. A día de hoxe contamos con máis de 500 propostas censadas.
Nun primeiro momento o sector musical volcouse máis que outros ámbitos artísticos. Simplemente pensamos que pode ser porque se trata dunha iniciativa xurdida dun grupo de músicos e músicas e temos mais colegas neste sector cultural co que compartimos primeiro.
¿Tedes, ou ides buscar, algún apoio no sector público para que ese censo teña difusión ou uso posterior concreto?
Non, pensamos en facer o censo entre nós para todas nós. Nós simplemente tivemos a iniciativa e creamos a ferramenta para que se empezara a facer e espallar, pero o censo ten que funcionar por si mesmo e cada día facerse máis grande grazas a todas as artistas que se inscriben e o comparten. Deste xeito esperamos que chegue a máis xente de diferentes círculos do sector cultural. Grazas a todas elas o censo está vivo e gozará de boa saúde.
¿Cal credes que vai ser o retrato da cidade que deixe ver o censo?
Dentro de Galicia, Vigo é unha das cidades máis rica en canto a variedade e calidade de proxectos culturais nos diferentes ámbitos. Esperamos que o censo acabe reflectindo a grande e complexa diversidade coa que contamos na nosa cidade.
¿Porque credes necesario "protexer" a certos axentes como poñedes no
cuestionario?
Quizais non se entendeu ben este "protexer". Ao que nos referimos e que o sector cultural desgraciadamente está moi pouco profesionalizado e entendemos que hai xente que quizais por este motivo non se quere ou dubida en anotarse ou non. O que queremos é que se anote todo o mundo e mapear o sector máis aló de quen e profesional e que non.
¿Que consecuencias vos gustaría que tivese este censo?
Gustaríanos que o censo fomentara a colaboración entre todas nos, que fóra unha ferramenta de coñecemento, de diálogo e de visibilización do gran tecido cultural coa que contamos en Vigo.