Un 'Maio longo' desde a casa para unha edición especial de 'No bico un cantar'

O evento anual que reúne cativos para celebrar a poesía e a música levouse este ano a un formato colaborativo en liña

O encontro musical No bico un cantar que se ven celebrando cada primeiro venres de xuño dende o ano 2013 en diferentes concellos de Galicia levouse a cabo nesta ocasión dun xeito diferente e adaptado ás circunstancias. Esta iniciativa do Consello da Cultura Galega, da Consellería de Cultura e Turismo e da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia que ten como obxectivo trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a escolares de toda Galicia tiña previsto convocar en Allariz aos cativos para festexar musicalmente o aniversario da Xeración Nós. Ante a imposibilidade de levar a diante a acción proxectada convidouse ao alumnado de cinco conservatorios profesionais galegos e ao grupo de metais Hercules Brass a interpretar xuntos dende a casa a peza Maio longo, o poema de Rosalía de Castro musicado por José Baldomir, con arranxos de Juan Durán , co que cada ano se pon a coda aos concertos de No bico un cantar . Un cento de nenas e nenos, animados pola dirección dos centros e polo profesorado, uníronse neste caso e creouse a peza de vídeo que xa se está difundir nas redes. As nenas e nenos que participan nesta actividade dende a casa pertencen ao Conservatorio Profesional de Música da Coruña, Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol, Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo, Conservatorio Profesional de Música de Ourense e ao Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela.