Comeza o ciclo de reflexión sobre acción cultural municipal no tempo da Covid-19

O Consello da Cultura abre hoxe a primeira das tres mesas redondas en liña con profesionais do sector

Hoxe comeza a primeira das mesas redondas en liña do ciclo Xestión e políticas culturais nos concellos. Retos ante a Covid-19 organizado desde a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega. Ás 11 deste xoves ponse en liña este primeiro encontro de tres, titulado "Onde estamos? Cara a onde camiñar" no que abordarase unha diagnose inicial e primeira aproximación aos retos e inquedanzas, dentro da xestión e políticas culturais municipais en Galicia. O ciclo está articulado arredor de tres encontros en liña, con canles abertas á participación e coa posterior publicación das principais ideas que xurdan neste proceso. Profesionais que traballan en contextos territoriais diferentes serán os que participarán como mostra representativa das diversas realidades e enfoques de traballo que existen en Galicia. A presentación institucional correrá a cargo de Rosario Álvarez Blanco, presidenta do Consello da Cultura Galega e tomarán parte Marcos Lorenzo, membro da Comisión e técnico de Cultura en Ferrol; Pilar Portela, presidenta AGPXC e directora-xerenta do Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra; Alberto García, membro da Comisión e técnico de Cultura en Boiro; Juan Antonio Seara, técnico de Cultura en Allariz

Segundo datos achegados polo Observatorio da Cultura Galega, no ano 2017 o gasto liquidado en cultura por parte das administracións dos 313 concellos galegos ascendeu a 138,1 millóns de euros, cando no mesmo período a Xunta de Galicia gastaba 75,2 millóns e as deputacións 35,4 millóns. Ademais, unha parte importante dese gasto autonómico e provincial distribúese entre as propias programacións, persoal e iniciativas culturais municipais. Polo que en último termo, son os pequenos equipos das entidades locais, cando non profesionais en solitario, quen deseña e executa as principais liñas de traballo cultural no País. Este ciclo reflexionará sobre o papel da acción cultural municipal, pública e de proximidade, para o futuro do sempre fráxil sector cultural privado e social, tanto profesional como amador. Nos seguintes dous encontros, o día 21 de maio será o momento das Reflexións inspiradoras da man de dous especialistas doutros territorios, sempre dende perspectivas próximas e trasladables á realidade galega, e o día 28 de maio abordarase unha serie de Estratexias e ferramentas de actuación.