A TVG acorda participar en sete novos proxectos audiovisuais

Agadic convoca as subvencións a producións e coproducións de contido cultural galego

Margarita Ledo. Fotografía de Santos-Díez (Ollo de Vidro-ACAB) (2009). AELG.
Margarita Ledo. Fotografía de Santos-Díez (Ollo de Vidro-ACAB) (2009). AELG.
Coa vista posta en chegar decote á fase 1 de apertura social e laboral, na que, con certas condicións, poderían recomezar as rodaxes cinematográficas e televisivas as institucións públicas do sector audiovisual comezan a mover as súas pezas para apoiar a produción, que precisa moita planificación previa así como financiamento. Segundo ven de comunicar a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) a CRTVG acordou a súa participación en sete novos proxectos cinematográficos, seis longametraxes de ficción e documentais, e unha TV movie sobre a figura de Sofía Casanova, nunha decisión enmarcada no conxunto de medidas deseñadas para reforzar o compromiso coa industria audiovisual galega e nunha medida anticipada debido a conxuntura creada polos efectos da COVID-19. As producións seleccionadas, nunha xuntanza extraordinaria da Comisión Directiva de Programación da CRTVG, son Estelas, primeira longametraxe de ficción do director novel Roberto Alvite; a longametraxe documental de creación Nación, un sitio onde pousar a cabeça, dirixida por Margarita Ledo, e catro longametraxes documentais: Onde máis doe, sobre a violencia de xénero, de Xamalú Producións; Patarinos, producida por Sétima S. Coop. Galega; MorabezaVerde, a cor da soidade, de Alberto Trabada. A propia Agapi facía a finais de marzo unha estimación deperdas do sector, nese momento polo o impacto da crise do Covid-19, de máis de 3 millóns de euros que afectaban a un total de 20 proxectos en marcha.

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a publicación das bases que rexen a convocatoria para a concesión de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, e se convocan para o ano 2020. Esta liña de subvencións incrementouse este ano con cincocentos mil euros respecto ao 2019, chegando a un orzamento de 2,5 millóns de euros. Así se decidiu no Consello da Xunta do pasado 5 de marzo. A publicación e apertura de prazo de presentación quedou a expensas dos acontecementos derivados da crise sanitaria. Co obxectivo de dar resposta as necesidades do sector a orde prevé ademais a "a ampliación de tres a catro anualidades tanto para a distribución das contías concedidas como para a súa xustificación por parte das compañías adxudicatarias" nas categorías de longametraxes cinematográficas de ficción, de animación, de documentais e mais na de producións e coproducións para a súa emisión televisiva ou a través de plataformas polo cal a distribución do orzamento distribuído por anualidades será de 250.000 euros para o exercicio 2020, 563.000 euros para o exercicio 2021, 723.000 euros para o exercicio 2022 e 964.000 para o exercicio 2023. No mesmo sentido, autorízaselles ás empresas adxudicatarias a solicitar anticipos sobre estas axudas por riba do 50%, así como a quedar exentas do depósito de garantías.