Universidades e investigadores abren fiestras divulgativas pola crise sanitaria

Grupos de investigación e universidades aproveitan o estado de alarma para poñer en valor a produción científica

| Santiago. Redacción | Seccións: Ciencia
Compartir:
Universidades e investigadores abren fiestras divulgativas pola crise sanitaria

Non son moitos, pero algúns grupos de investigación e universidades galegas están a destinar recursos para crear contidos de divulgación e reflexión para o público xeral, sobre todo orientados a achegar coñecemento sobre áreas vinculadas ao impacto da pandemia, pero tamén para dar a coñecer o seu traballo interno. Conferencias en liña, cursos e webinarios constitúen unha oferta que se pode atopar nas diferentes universidades galegas.

A Universidade de Santiago de Compostela está a organizar un ciclo de conferencias a través de Zoom chamado "COVID-19: Hoxe é o día despois". Nel, diferentes expertos da USC abordan aspectos como os dereitos e liberdades tras a crise do COVID-19, a lexislación laboral e os despedimentos, a educación ou a renda mínima. E o profesor Casto Rivadulla, habitual divulgador científico polos museos galegos, está a manter as charlas que xa tiña comprometidas previamente con institutos a través de Microsoft Teams.

A Universidade de Vigo, a través da Unidade de Cultura Científica, realiza charlas en directo a través de Facebook Live. Hoxe, mércores 29 de abril, o catedrático de Economía da Universidade de Vigo Xavier Labandeira reflexionará a partir das 19 horas sobre "Leccións cruzadas entre as políticas climáticas e a crise do Covid-19" e previamente, outros docentes como Juan Picos falaron de materias tan diversas como a xestión forestal. Tamén a televisión da Universidade de Vigo ten aberto un "especial coronavirus" no que diferentes profesores da universidade abordan a actualidade desta crise desde a perspectiva económica, psicolóxica, de xénero ou epidemiolóxica.

Na Universidade da Coruña o grupo de investigación RNASA-IMEDIR habilitou un sitio web dedicado a COVID-19 e os seus posibles tratamentos e fármacos. No web da UDC publican propostas de difusión e animación para os tempos de confinamento.

Tamén o colectivo romanarmy.eu, que agrupa a investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e outras foráneas, difunde todas as semanas #charlasconfinadas, conferencias dun máximo de vinte minutos nas que se explican metodoloxías de traballo e os principais resultados deste equipo arqueolóxico que investiga a presenza do exército romano no noroeste peninsular.

Que che parece esta nova?
54 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Covid, Universidade de Vigo, Universidade de Santiago de Compostela, Economía...