O Clube Cultural Alexandre Bóveda disólvese logo de 11 anos de actividade

A fin dun canto en Ourense

Un recital ás oito da tarde servirá como despedida a unha asociación cultural que levaba xa once anos dinamizando a vida cultural da cidade de Ourense. O acto desenvolverase no Liceo Recreo ourensán e basearasenos textos incluídos no libro "Ourense, craro río, verde val", escolma realizada por Marcos Valcárcel de poemas sobre a cidade e que foi editada recentemente polo Concello.

Autodisolución


O clube decidiu súa autodisolución na Asemblea Xeral que celebrou o pasado dezaseis de maio e á que só acudiron dez dos 179 socios con que contaba a entidade. As causas dadas para a disolución foron que as novas ocupacións dos directivos lles impedían continuar nos seus cargos e que diferentes entidades se tivesen feito cargo de actividades iniciadas pola asociación. Os membros da asociación emitiron un comunicado no que sinalan que a autodisolución "debe ser asumida sen ningún dramatismo nin afán necrolóxico, só como a evolución natural dun colectivo que tmáen ten os seus ritmos de vida. Todo o que nace ten que morrer, pero, quizais, tamén todo permanece".











Dez anos de historia


O Clube nacía en 1990 co Hadrián Dacunha, Jolé Luis Llamas, Benito Losada, Xosé Ramón Quintana, Marcos Valcárcel e Xosé Lois Carrión coma socios fundadores. Segundo os seus estatutos pretendía "constituírse en foro de debate e diálogo democrático, aberto a tódalas posicións progresistas" e "contribuír á dinamización da vida cultural ourensá, colaborar con tódalas asociacións e coclectivos ourensáns na reivindicación de obxectivos culturais comúns, e apoia-la normalización cultural e lingüística do noso país". Desde entón veu realizando actividades coma o I Concurso Galego de Cacicadas "Procesión dos caladiños" en 1999, a organización do Roteiro de "A Esmorga" ou de colaborar na Bienal de Caricatura de Ourense entre moitos outros actos.












Recital








O acto de despedida do Clube contará con case cen participantes que lerán os 93 poemas incluídos na escolma "Ourense, craro río, verde val", realizada por Marcos Valcárcel. entre eles atopamos autores coma Pura e Dora Vázquez, Víctor Campio, eduardo G. Ananín, Millán Picouto, Xoán C. Gómez Alfaro, Xosé Lois Rúa, David Otero ou Xelucho Abella. Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao abrirá o acto lendo o poema "Como eu en día de Pascoa quería ben comer" de Afonso X o Sabio.