O Parque do Pasatempo de Betanzos xa é Ben de Interese Cultural

O decreto da Xunta dá cumprimento a unha demanda local urxente acelerada polo deterioro do lugar

O decreto da Xunta dá cumprimento a unha demanda local urxente acelerada polo deterioro do lugar
Parque do pasatempo Foto: Dep. Provincial da Coruña
O Consello da Xunta de Galicia vén de dar luz verde ao decreto polo que se declara ben de interese cultural (BIC), como ben inmoble coa categoría xardín histórico, o Parque do Pasatempo de Betanzos, cumprindo así a folla ruta para garantir a súa protección e conservación futura. O elemento principal delimitado é o propio parque, pero inclúe outros compoñentes sobranceiros como son a estatua da Caridade, a fonte das Catro Estacións e os restos do antigo muro de peche que, en conxunto, acreditan o seu valor cultural e singularidade tipolóxica. Como aspecto innovador deste procedemento, o decreto prevé que se poderá desenvolver un proxecto ou plan de conservación do xardín histórico, que estableza os criterios para a súa futura conservación, mantemento, restauración, interpretación e difusión. O Parque do Pasatempo leva máis de dous anos moi presente nos medios de comunicación tralo derrube nun dos muros do estanque e outros posteriores deterioros que causaron unha fonda alerta na administración local e no ente provincial da deputación da Coruña ante as posibles irreversibilidades dos danos. Tanto Deputación como Concello puxeron en marcha plans de recuperación do patrimonio mentres estaban a agardar pola declaración BIC por parte da Xunta para conseguir máis apoio e soporte na conservación do ben.

O Pasatempo é un xardín de características singulares que o fan único na tradición galega, denominado como "parque enciclopédico" comezou a construírse en 1893. Representa un testemuño cualificado do compromiso filantrópico de Juan María García Naveira, que se enmarca no estilo e actitude ecléctica que caracterizou a arquitectura galega de finais do século XIX e principios do XX. O espazo conta cuns significativos valores culturais, derivados dun considerable número de manifestacións pictóricas e escultóricas representativas do eclecticismo dos movementos artísticos de finais do século XIX. Un compendio de disciplinas artísticas que acolle tamén mostras dunha arquitectura exótica. Durante a tramitación do expediente procurouse harmonizar un alto grao de consenso social coa salvagarda patrimonial. En concreto, recibíronse un total de 15 alegacións das que 14 delas se estimaron total ou parcialmente, o que supón unha aceptación superior ao 93%. Así mesmo, foron solicitados os preceptivos informes de dous órganos consultivos: a Real Academia de Belas Artes e o Consello da Cultura Galega. Ambas institucións emitiron cadanseu informe en sentido favorable á declaración.

Delimitación e contorno de protección
O ámbito delimitado como ben de interese cultural do Pasatempo correspóndese coa parte superior do parque orixinal. Ademais, como xa se dixo, identifícanse como partes integrantes do ben a estatua da Caridade, a fonte das Catro Estacións e os restos do antigo muro de peche. Os restos ornamentais da casa da Taquilla e do estanque da Gruta, como elementos orixinais pertencentes ao parque, localizados na actualidade nas proximidades do muro do auditorio da parte baixa, serán obxecto de análise para establecer a viabilidade da súa reintegración ou as necesidades de conservación e interpretación noutro ámbito do conxunto. Establécese ademais un contorno de protección axustado ás condicións de desenvolvemento de todo o ámbito. Neste incorpóranse os predios próximos e sen desenvolver urbanisticamente para garantir o control das actividades e evitar que se produzan afeccións que prexudiquen a interpretación e contemplación do ben. Con todo, non se incorporan os predios que contan cun desenvolvemento urbano rematado, xa que o contorno definido resulta suficiente para establecer medidas de integración.


Uso do Pasatempo
O decreto prevé que o uso de espazo libre e público para o que foi concibido O Pasatempo é o máis axeitado. Non obstante, dada a súa extensión e fraxilidade, cómpre tomar en conta a necesidade de controlar o seu acceso, co fin de preservar a súa integridade física e a súa mensaxe cultural. Neste sentido, os accesos e percorridos poderán ser limitados en función das necesidades de conservación e das axeitadas condicións de seguridade e accesibilidade das persoas. Calquera outro uso deberá ser compatible co mantemento de todos os elementos do parque e adaptarse ás súas características e ás condicións de uso e interpretación deste.