O movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega cumpre vinte anos mergullado en multitude de proxectos

Os anos da Nova Escola

Congresos de educadores, unha escola de verán, actividades para achegar ás escolas a actualidade diaria, edición de materiais didácticos sobre o Prestige e a guerra... Cando está a cumprir vinte anos, o movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega mantén e incrementa o seu traballo na busca dun ensino público, galego e de calidade.

A finais dos anos setenta comezaron a organizarse en Galicia os movementos de renovación pedagóxica. Pequenos grupos de carácter local e comarcal que querían realizar unha fonda transformación do ensino, buscando un maior achegamento entre as aulas e a sociedade. A defensa da escola pública, a normalización do ensino en galego e, por extensión, a difusión da cultura do país eran os obxectivos principais destes colectivos. Un dos máis destacados neste sentido foi Avantar, nacido sobre ano 1978 e que participaba, canda outros grupos, nas multitudinarias xornadas de Fene. Desde estes colectivos e coa participación de nomes coma Xosé Lastra, César Martínez Yañez ou Antón Costa, fóronse agrupando grupos de Ferrolterra, do Barbanza, de Ourense... e crearon Nova Escola Galega.



Resumo da situación


Despois de vinte anos de actividade, Nova Escola Galega conta na actualidade cuns trescentos cincuenta socios repartidos por todo país e chega a todos o niveis educativos, desde primaria ata o ensino universitario. Ademais é a única organización deste tipo das existentes en Galicia que participa na Federación de Movementos de Renovación Pedagóxica do Estado español a través de xuntanzas periódicas. Desde Nova Escola sinalan a vocación de independencia con que naceron e se manteñen. Segundo Xan Lourenzo, un dos máis veteranos membros do colectivo, “temos unha liña máis aglutinadora e aberta” en comparación con outras asociacións máis vencelladas ao movemento nacionalista. Nos últimos meses, o colectivo veu desenvolvendo unha intensa actividade arredor da catástrofe do Prestige, segundo apunta Lourenzo. “Agora mesmo están a traballar sobre a marea negra moitos grupos de traballo en Educación Infantil”, introducindo o tema nas aulas e preparando diversos materiais educativos sobre esta cuestión.



A escola do verán

Unha das actividades estrela de Nova Escola Galega está sendo, nos últimos anos, a Escola de Verán. Nesta cuarta edición do evento, Ortigueira servirá durante catro días como punto de encontro desde o que se reflexionará sobre os vinte anos de historia do colectivo. O programa inclúe desde reflexións sobre a evolución da literatura ou da música no país durante as últimas dúas décadas ata unha mesa redonda sobre os movementos de renovación pedagóxica en Galicia. Persoeiros coma Isaac Díaz Pardo, Xurxo Souto ou a familia Seivane acompañarán a profesores e pedagogos neste encontro. A presentación de materiais para a aula e as charlas sobre a integración da música tradicional na educación complementarase con actividades coma unha ruta para observar paxaros ou un concerto final de música tradicional. “A nosa intención é que en catro días a xente conviva e que coñezan elementos propios da zona en que se desenvolve o encontro, desde a natureza á gastronomía” apunta Andrés Santalla, secretario de Nova Escola Galega, que engade que “queremos demostrar que se pode facer cultura ben feita e con poucos recursos”



A música na educación

O outro grande eixe sobre o que xirará a IV Escola de Verán será o vintecinco aniversario do Festival do Mundo Celta de Ortigueira. Segundo explica Andrés Santalla, “trátase de recordar a esa xente que, ao tempo que se ían formando os movementos de renovación pedagóxica, quixeron traballar pola normalización do país desde diferentes eidos, e traballaban conxuntamente con nós”. Neste caso a figura destacada é a de Xavier Garrote, un pioneiro que, lembra Santalla, “fíxo a primeira escola de gaitas en Ferrolterra, un laboratorio de música tradicional en que recolleu máis de vinte mil casetes e partituras”. En 1978 botou a andar un evento tan destacado coma o Festival Celta de Ortigueira, coa intención de servir, ademais de como espectáculo, como punto de encontro entre músicos das diferentes nacións atlánticas, cunha vocación de formación musical. Garrote, mestre de escola, participou máis tarde na creación da Universidade Popular de Vigo e estivo vencellado desde o comezo ás actividades de Nova Escola Galega, achegando a educación musical ás actividades do colectivo.



Os recursos

Sobre como facer cultura con poucos recursos saben bastante en Nova Escola Galega. O orzamento desta cuarta edición da Escola de Verán é de cinco mil euros, e o ano anterior, en Ferrol, contaron con doce mil. Segundo Santalla “nós pretendemos facer actividades en concellos pequenos”, e para financiar o evento buscaron o apoio de empresas na zona, “xente que colaborou desde o primeiro ano, que cre nisto que facemos”. Para manter uns custos tan baixos, o truco está en que “a maior parte da xente vén sen cobrar, ofrécenselle arredor de dez mil pesetas por dar unha charla ou pagánselle as axudas de desprazamento”. E aínda que hai quen non está disposto a moverse e participar por estas cantidades, tampouco falta quen apoia a iniciativa mesmo achegando cartos do seu peto, como foi nalgunha ocasión o caso de Xurxo Souto. Segundo lembra Santalla, o primeiro ano que se celebrou a Escola de Verán había setenta participantes, mentres preto do lugar de celebración, a Universidade Internacional Menéndez Pelayo organizaba un curso en que non había máis de doce persoas.



Outros encontros

Ademais da Escola de Verán, este colectivo organiza periodicamente encontros en diferentes lugares do país. Deste xeito, en Compostela levan xa varios anos convocando, en colaboración co Concello, un congreso sobre materiais educativos. Neste marco o pasado mes de maio convocáronse os premios Educacompostela, que premian aqueles materiais educativos que favorezan a innovación e a calidade na educación. Nesta primeira edición escolleuse como tema para os traballos aqueles que tivesen como eixe o Prestige. Tamén en Lugo levan xa dous anos organizando uns encontros destinados especialmente a orientadores escolares, e por primeiro ano, en Melide celebrouse un encontro centrado na comarca, nesta ocasión coa xeoloxía como tema.



Proxectos


Unha das prioridades entre os diferentes plans que ten Nova Escola Galega para o futuro é a de relanzar a veterana “Revista Galega do Ensino”. Logo de varios anos publicándose en colaboración con Xerais, desde o colectivo recoñecen que leva unha boa temporada de inactividade. Sen embargo anuncian unha nova xeira, con outra casa editora, na que se comprometen a manter unha periodicidade de catro números anuais. Ademais, varios dos membros do colectivo están a traballar no desenvolvemento de varios CD-roms con contidos didácticos en colaboración coa empresa Nova Imaxe, propiedade de novo dun veterano da Nova Escola. A medio prazo pretenden incrementar a súa presencia en diferentes zona de Galicia onde, ata o de agora, contan con poucos recursos, para anovar a escola un pouco máis.