Ponse en marcha "O País de Nunca Máis", o espectáculo solidario da Plataforma Contra a Burla Negra que percorrerá a costa

Un país baixo a carpa

Cantar, actuar, pintar, montar escenarios, controlar luces, conectar cabos, levar o son. Todas estas tarefas son mostras de solidariedade en "O País de Nunca Máis". A Plataforma contra a Burla Negra organiza con este nome unha xira reivindicativa que reúne artistas de todos os eidos contra a catástrofe do Prestige. Unha chea de traballo voluntario que amosa a posibilidade de facer cultura alternativa e con poucos medios.

A finais de novembro, e logo dunha multitudinaria asemblea, un grupo de artistas, escritores, actores e xente do mundo da cultura en xeral, ao abeiro da incipiente Plataforma contra a Burla Negra pechábase na casa de cultura de Laxe. Desde alí protestaban pola marea negra e a incompetencia das autoridades ao tempo que colaboraban coas tarefas de limpeza das praias. Durante os quince días que durou aquel evento, fóronse organizando recitais, exposicións, concertos improvisados, espectáculos e todo tipo de eventos en que se mesturaba a participación dos artistas e dos veciños.
Naquel peche, e nas sucesivas reunións da Plataforma, foi tomando xeito a idea de organizar unha xira artística pola costa en solidariedade cos afectados. O proxecto foi medrando, salvando obstáculos e modificándose ata que, o doce de xuño de 2003, se pon a andar, xa como unha realidade, a carpa de “O País de Nunca Máis”.




Os números da carpa

Unha carpa de mil seiscentos metros cadrados de extensión. Tres días para montar e desmontar e catro de actividades. Tres paradas simbólicas: Culleredo, na Ría do Burgo, Lira en Carnota e Pontevedra, simbolizando os diferentes litorais afectados polo vertido. Douscentos cincuenta artistas acompañando a carpa, e máis de catrocentas persoas colaborando na organización e na montaxe. Todo de xeito voluntario e cobrando uns simbólicos corenta euros por cabeza e día para manutención, o que chaman humoristicamente “salario chapapote”. Capacidade para mil douscentos espectadores. Exposicións; proxeccións de cine, ilustración e pintura; concertos; presentacións de libros; actividades escénicas; obradoiros... con nomes como Miguel de Lira, Julián Hernández, Víctor Mosquera, Lino Braxe, Piti Sanz, Patricia Vázquez, Bucanero Teatro, Matraca Perversa, Chévere, Ubú Teatro, Mamacabra... a lista é inmensa.



E creceu, e creceu...

Xesús Ron, un dos coordinadores do proxecto, explica como evolucionou a idea desde o peche dunhas ducias de artistas ata unha actividade destas dimensións. “No peche de novembro a xente comentara a posibilidade de que os creadores se sumasen ao corpo de voluntarios facendo o que saben facer”, apunta, “o proxecto púxose en marcha e foi collendo cada vez máis envergadura, saíron tamén problemas polo camiño, e ao final mudou a plasmación práctica”. Se nun comezo se pretendía chegar ás vilas máis pequenas, a cantidade de colaboracións e a dificultade de artellar o proxecto, obrigou a diminuír o percorrido. “Non se puido levar ás vilas pequenas porque non se conseguiron os apoios económicos necesarios, e estes concellos non teñen posibilidades para apoiar isto”, sinala Ron, que denuncia ademais que “o mundo empresarial pechouse en banda para apoiar este proxecto e que as vilas máis pequenas se beneficiasen, e son algúns concellos algo máis grandes os que colaboran e achegan grande parte do financiamento”.



A busca do tesouro

Aínda que mudou o tamaño, “mantense o espírito orixinal de colaboracións voluntarias”, sinala Ron. Pero a pesar de todo, a organización do evento custa uns cento sesenta mil euros. “O cálculo era de trescentos cincuenta mil, pero toda a parte artística cóbrese voluntariamente e hai achegas en especie, en traballo, e colaboracións que se fan desinteresadamente que reducen moito os orzamentos”. Desde a organización sinala que se procurou diversificar ao máximo as fontes de ingresos para soster a carpa. Desde a venda de revistas, libros, discos ou todo o merchandising que naceu contra a marea negra ata a instalación dun bar no interior do recinto ou o cobro de entradas para asistir aos concertos que se celebrarán na carpa. Como sinalaba o guionista Xosé Castro na presentación da carpa, “o que pretendemos é dar a coñecer o traballo que se fixo durante todo este tempo e tamén que existe unha cultura non oficial alternativa e que se fai con moitísimos menos medios económicos”.



Recompilatorio negro

“O País de Nunca Máis” servirá tamén como unha mostra de todo o traballo artístico que se xerou en protesta polo desastre do Prestige. A mostra de pintura “Botella ao mar”, unha selección de fotografías ou as ilustracións e bandas deseñadas do colectivo Chapapote estarán presentes no evento a través de proxeccións. Vídeos e documentais sobre a catástrofe e as mobilizacións masivas poderán verse xuntos por primeira vez. Todos os libros, revistas, adhesivos, camisetas, bandeiras, webs e material de todo tipo estarán dispoñibles para os interesados. Ademais, novos libros, espectáculos, a primeira bandeira de traíñas Nunca Máis na ría do Burgo e un completísimo despregue de actividades. Mesmo unha sección dedicada especialmente aos nenos. “Esta é unha acción puntual que pretende pechar un pouco toda esta fase de seis ou sete meses desde que comezou o afundimento”, sinala Xesús Ron, “a carpa marca un punto de inflexión nas accións de resposta e queremos que sirva como primeiro escaparate do arquivo de imaxes da marea negra”. Ademais de recompilar, a carpa será tamén espacio de creación. Durante a travesía, gravarase un documental que recolla a actividade e o ambiente que acompañan a carpa.



A prol da dignidade

A partir de aquí mudará a dinámica de actuación da Burla Negra. Desde esta plataforma queren crear un arquivo gráfico permanente que recolla todo o material que se creou sobre a marea negra. Ron sinala que “hai proxectos que poderían mudar desde agora”, e que “a plataforma debe funcionar como consciencia ou achega de dignidade de cara á sociedade”, unha reclamación que ao seu ver “cada vez é máis importante facer”. Este colectivo quere tamén “reclamar o protagonismo dos creadores nun contexto cultural tan institucionalizado, e actividades coma a carpa amosan que se pode facer cultura activa desde a base”. A loita “contra a censura de moitas institucións” e a constitución dunha vangarda que mobilice patrocinadores privados e implique as empresas na creación cultural son outros dos obxectivos que se marcan desde o colectivo. O espectáculo debe continuar.



Dossier "O País de Nunca Máis".
Descarga o dossier coa ficha técnica, programa completo, itinerario e contidos da carpa da Plataforma contra a Burla Negra en formato PDF.