A ampla presenza feminina marca os 42 Premios da Crítica

Moncha Fuentes, Soledad Penalta, Rut Balbís e Lucía Freitas están entre as galardoadas

Foto de familia das persoas galardoadas nos Premios da Crítica
Foto de familia das persoas galardoadas nos Premios da Crítica
A Fundación Premios da Crítica de Galicia deu a coñecer este sábado en Vigo os galardoados na 42 edicións destes galardóns, que recoñecen a "excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia", e que se desenvolveron este ano baixo o lema "Teñamos o valor de darnos o futuro", de Manuel Álvarez Torneiro. Os xurados das diferentes categorías, formados por trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, seleccionaron uns galardóns nos que destacou a presenza feminina.





Deste xeito, na categoría de creación literaria foi recoñecida a novela O mar que nos leva de Moncha Fuentes, a atender ao "seu carácter de obra inaugural coa que irrompe unha voz poderosa, que bebe da experimentación coa focalización para narrar desde a memoria, decantándose en parágrafos envolventes, co ritmo narrativo dunha maré imparable". O recoñecemento no campo da investigación foi para o Satélite LUME-1 do Equipo da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións, da Escola de Enxeñaría Industrial e da Escola de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo. O xurado sinalou o proxecto como unha "achega galega de impacto científico internacional no
eido tecnolóxico, que combina a loita contra unha praga do noso país co o lume, un impacto económico coa creación dunha incipiente industria aeroespacial galega".

O Festival de Poesía do Condado foi recoñecido co galardón de Iniciativas Culturais e Científicas, por ser "un dos festivais de máis longa traxectoria no noso contexto que fai un traballo cultural
de base desde o asociacionismo nunha vila e coa acción na contorna". O Premio de Música, pola súa banda, foi para Xan Carballal mercé a "unha traxectoria longa e un traballo de base moi singular na música clásica, que levou a que centos de rapaces do rural galego puidesen acceder a unha educación musical e cultural, e moitos dos cales están hoxe en importantes formacións".

O Premio de Artes Plásticas, pola súa banda, foi para Soledad Penalta, de quen se considerou "a súa longa traxectoria e coherencia e, ao mesmo tempo, a capacidade de investigación con novos materiais, cos que acada unha linguaxe propia, introducindo dun xeito novidosas caligrafías nunha constante renovación iconográfica e conceptual". O seu "talento, resistencia e xenerosidade" valéronlle á bailarina e coreógrafa Rut Balbís facerse co Premio de Artes Escénicas. O xurado destacou "o seu impecable e incansable traballo como bailarina e coreógrafa, pero tamén polo seu constante labor para dignificar e visibilizar a danza en Galicia, e por crear tecido, redes e espazos para achegar a danza a todos os públicos".

En Cine e Artes Audiovisuais, os Premios da Crítica recoñeceron a serie Fariña "ademais da evidente calidade das produción e realización e dos traballos dos seus equipos técnico e artístico", polo "considerable esforzo da produtora en apostar por unha historia e uns equipos galegos que lograron situar a Galicia no mapa audiovisual internacional nun momento crucial da produción de ficción para TV". Finalmente, na modalidade de Cultura Gastronómica o premio foi para Lucía Freitas como recoñecemento ao "seu papel como empresaria da restauración e a súa capacidade para interpretar a cultura gastronómica galega cunha extraordinaria ética e coherencia".