As librarías galegas celebran o seu día nunha situación estable

O pequeno tamaño e o carácter xeralista caracterizan o sector no noso país

A coincidir co Día das Libras, que se celebra este 8 de novembro, o Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura elaborou un documento de traballo a repasar os indicadores destes establecementos no país. A partir dos datos estatais recollidos no Mapa de Librarías da Confederación de Gremios e Asociacións de Libreiros, en 2016 había no noso país 402 librarías, o que nos sitúa á cabeza do estado con 14,8 librarías por 100.000 habitantes.

A maior parte das librarías galegas recollidas neste estudo están no menor treito de ingresos, o de 30.000 euros ou menos. É a provincia da Coruña a que concentra as empresas de maior tamaño no noso país, con todas as librarías que superan os 1.500.000 euros de ingresos. Por tipoloxías, os establecementos máis habituais no noso país son as consideradas librarías xerais de proximidade, aquelas que contan cun fondo de menos de 3.000 títulos e non concentran as súas vendas en tres seccións ou menos.

A analizar o aspecto económico, o Observatorio da Cultura Galega cifra en 361.000 euros a media de ingresos destas empresas, cun beneficio de 1,3 mil euros e un número de empregados medio de 3,5. As cifras, extraídas do Sistema de Análise de Balances Ibéricos, amosan unha tendencia estable ao longo dos últimos cinco anos, aínda que amosan unha rendbilidade baixa, que polo xeral é inferior ao 1%.