Kalandraka obtén dous dos galardóns aos libros mellor editados

A editora galega foi recoñecida na categoría de libros infantís e xuvenís dos premios do Ministerio de Cultura

O Ministerio de Cultura daba a coñecer este 30 de outubro os Premios aos Libros Mellor Editados de 2018 que outorga anualmente. Na listaxe de quince galardoados repartidos en cinco categorías, Kalandraka é a única firma galega que obtivo representación, con dous recoñecementos na categorías de Libros Infantís e Xuvenís. En concreto, Cándido e os demais, obra que se impuxera no último certame Compostela de Álbum Ilustrado, foi recoñecida como gañadora neste apartado, mentres Cara de velocidade, premio Orihuela de poesía infantil, obtivo o terceiro posto.

O xurado, que valorou un total de 145 obras, estivo formado por Begoña Cerro Prada, Alfonso Méndez Portabales, Arsenio Sánchez Hernampérez, Esther Vilas Toledo, Antonio Mª Ávila Álvarez, Carmen Pérez-Santamarina Sanahuja, Sandra Cendal López e Almudena Hernández de la Torre Chicote. As obras seleccionadas farán parte da exposición Libros Mellor Editados no Mundo que se realizará nas feiras internacionais de Frankfurt e de Leipzig.