Falece o sociólogo e escritor Xosé Leira

Fora un dos fundadores do grupo Rompente e coordinador do proxecto Aulas no Camiño

Xosé Leira, por Eduardo Castro Bal. Fonte: AELG
Xosé Leira, por Eduardo Castro Bal. Fonte: AELG
Xosé Leira López, sociólogo, escritor e activista cultural, falecía onte na súa casa de Valdoviño aos 68 anos. Leira, profesor da Universidade da Coruña no Departamento de Socioloxía e Ciencia Política e da Administración, desenvolvía un intenso labor de dinamización cultural no concello, a desenvolver rutas literarias e participar de diferentes actividades. O falecido fora nos anos setenta un dos fundadores do grupo poético Rompente e botou a andar o proxecto cultural e de investigación Aulas no Camiño. Ademais, foi coordinador do Mestrado en Xestión e Patrimonio Cultural. No campo da socioloxía suma máis de cincuenta artigos e monografías, e como poeta publicou en 1996 a obra Canto custa instalarse no amor. O enterro está previsto para esta tarde na parroquia de Santiago de Lago, en Valdoviño.