
O 24 de xuño as Xornadas celebraranse no Paraninfo da USC, da man de Duobitatio, o dúo da pianista compostelá Rosalía Gómez Lasheras e o violinista Antonio Viñuales, que naceu en Suíza onde ambos realizaron estudos de mestrado. O día seguinte, 25, será o día de Vertixe Sonora con Aglaya González, viola, no Auditorio de Galicia. No espectáculo, presentado por José Luis Losa, verase un fragmento de Las Hurdes: Tierra sin pan de Luis Buñuel con música en directo de Martin Matalon e coa actriz María Lado como narradora. As xornadas péchanse o xoves 27 de xuño co concerto do TAC, Taller Atlántico Contemporáneo, no Teatro Principal. Dirixidos por Diego García Rodríguez presentan un programa que inclúe a estrea da versión para o TAC de Homenaxe de David Cuevas e a estrea absoluta de Oda al percebe de Javier López de Guereña. Serán en total dez concertos, dous coloquios e unha clase maxistral, as que ofrece este ciclo organizado polo Concello santiagués, xunto á USC, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e á Deputación da Coruña A programación faise en colaboración tamén con outras entidades como a Beca Fullbright, o New York Women Composers; a Universidade de Pennsylvania; o Conservatorio Teresa Berganza; a Escola de Altos Estudos Musicais; o Conservatorio Profesional de Música de Santiago e Womarts, proxecto europeo que lidera o Auditorio de Galicia. Todos os concertos e actividades serán de balde con entrada libre ata completar capacidade das salas.