Zephyrum e Trilita Edicións recuperan a edición de Tintín en galego

As xoias da Castafiore é o primeiro álbum da colección que ve a luz

Desde o pasado 5 de abril está á venda As xoias da Castafiore, primeiro álbum da nova edición das aventuras de Tintín en galego. As editoras catalás Zephyrum e Trilita corren con este lanzamento que se fai de xeito simultáneo na nosa lingua, en Éuscaro, Valenciano, Aragonés, Aranés e Castúo. O álbum conta cunha nova tradución a cargo de Blanca Piñeiro Torres, con revisión e corrección da Universidade de Vigo.

Precisamente a calidade desta tradución foi denunciada por un comunicado da editorial Huguin e Munin e pola tradutora Isabel Soto a través das redes sociais, a sinalar diferentes erros lingüísticos e a reclamar unha nova edición corrixida. A editorial Juventud lanzara hai anos unha primeira edición das bandas deseñadas do personaxe creado por Hergé na nosa lingua, con tradución de Valentín Arias.